As sondaxes apuntan a vitoria do Sinn Féin nas eleccións de Irlanda do Norte

As urnas abriranse esta quinta feira en Irlanda do Norte, unhas eleccións que, segundo reflicten as sondaxes desde 2020, poden dar como gañador o partido nacionalista Sinn Féin. 'Nós Diario' faise eco do ambiente que se vive nas rúas da capital, Belfast, e que recolle unha reportaxe publicada polo medio de comunicación vasco 'Berria'.
Michelle O'Neill lidera a candidatura do Sinn Féin, que disputa a hexemonía ao unionismo da DUP. (Liam Mcburney / PA Wire / dpa)
photo_camera Michelle O'Neill lidera a candidatura do Sinn Féin, que disputa a hexemonía ao unionismo da DUP. (Liam Mcburney / PA Wire / dpa)

É probábel que Irlanda do Norte estea ás portas dunha época decisiva. As sondaxes realizadas desde outubro de 2020 sitúan o Sinn Féin por diante do Partido Democrático Unionista (DUP) e, se non se producen sorpresas de última hora, un partido nacionalista lograría por primeira vez a maior representación nas eleccións á Asemblea.

Entre os unionistas hai preocupación e entre os republicanos, alegría e esperanza. "A quinta feira estarei en Madrid, pero xa votei. Espero que consigan a maioría das cadeiras, iso é o que necesitamos!", di Kate. "A campaña deste ano está a ser diferente. Hai máis positivismo ao redor do Sinn Féin", explica Siobhan, flanqueada pola súa irmá Kate. "O DUP perdeu moitos apoios porque vai cara a atrás, cara a atrás na historia. Non teñen positivismo para os cidadáns deste país. Son prehistóricos".

A vicepresidenta do Sinn Féin e líder norteirlandesa, Michelle O'Neill, é consciente desta oportunidade histórica e por iso decidiu levar a cabo unha campaña pragmática. Como na campaña das votacións de 2020 na República de Irlanda, o Sinn Féin centrouse este ano en cuestións socioeconómicas en Irlanda do Norte en lugar de na unidade da illa, unha xogada electoral que parece que lle irá ben.

"É moi difícil para a xente conseguir casas. Un coñecido leva dez ou doce anos na lista de agarda e aínda non conseguiu nada", asegura Stephen: "Está nun piso e aínda non pode atopar unha casa con bo aspecto".

Kate tamén trouxo a colación o tema das vivendas sociais, onde hai "miles" de persoas esperando: "É un sistema de puntos que tes que recoller. Por exemplo, teño unha amiga que, como a súa filla ten necesidades especiais, necesitan un bungalow. Conseguiu todos os puntos que pode conseguir, pero non os suficientes para conseguir un bungalow. A filla ten 8 anos, está a crecer e a nai aínda ten que levala escaleiras arriba e escaleiras abaixo".

As cifras son arrepiantes. O pasado febreiro, por exemplo, segundo datos do Partido Socialdemócrata Laborista (SDLP), no oeste de Belfast había unhas 4.000 persoas na lista para acceder a unha vivenda social, mentres que 683 casas estaban baleiras. E esta realidade non só se dá na zona da capital, teñen o mesmo problema en todo o territorio.

Sanidade e listas de agarda

Na sanidade tamén existen listas de agarda, que son longas desde hai anos; e máis desde 2020, cando comezou a pandemia da Covid-19. Siobhan explica brevemente: "Sanidade... Uf! É unha prioridade. As listas son inacabábeis".

Segundo os datos facilitados o pasado mes de xuño, en Irlanda do Norte 184.000 persoas levaban máis dun ano esperando para ter hora no hospital e outras 66.000, para someterse a unha operación. E, en total, para decembro pasado había 354.756 persoas nesas listas, segundo a Axencia de Estatística e Investigación de Irlanda do Norte.

Todas as enquisas realizadas no último ano puxeron de manifesto que o encarecemento da vida é tamén una das principais preocupacións dos cidadáns. Siobhan dixo que a situación é "cada vez peor". Esteban súmase a estas demandas e tamén trae a colación un problema local: os horarios dos autobuses. A maioría acaban ás 22 horas e a el gustaríalle que os servizos se alongasen máis pola noite: "Estaría ben, porque algúns, por exemplo, non poden volver á casa en autobús. Facilitaría a vida de moitos. A ver que pasa".

Se se cumpre o reflectido polas enquisas, o Sinn Féin obtería menos votos que hai cinco anos, pero a abafadora caída do DUP serviríalle para ter a maior representación. Moitos cidadáns teñen depositada a súa esperanza no Sinn Féin.

Con todo, aínda que gañase, non está claro se poderían formar Goberno, xa que o DUP non aclarou se se integraría nun gabinete encabezado por un dirixente republicano. A vitoria do Sinn Féin sería simbólica e histórica e será interesante ver as reaccións de todas as partes.

Comentarios