Novas probas da "guerra sucia" en Irlanda

Informe sobre a "conspiración" policial en ataques da década de 1990.
belfast_uda
photo_camera Flores en Belfast tras o asasinato de cinco persoas en 1992 (Foto: Nós Diario)

O Royal Ulster Constabulary (RUC), a Policía de Irlanda do Norte durante a época dos Troubles (1968-1998), "conspirou" e non protexeu nin alertou as vítimas dunha serie de ataques levados a cabo por paramilitares lealistas na década de 1990, segundo un informe da Valedora do Pobo dentro do corpo policial, Marie Anderson.

O documento de 344 páxinas presentado nesta terza feira céntrase en oito ataques, que deixaron un balance de 11 persoas asasinadas, entre estas un rapaz de 15 anos. Desde o corpo herdeiro do RUC, a actual Policía de Irlanda do Norte (PSNI), trasladouse unha petición de desculpa ás familias dos falecidos e dos feridos "polos erros identificados neste informe". "Nunca tentaremos escusar a mala actuación policial", engadiu nun comunicado recollido polo Belfast Telegraph.

No informe da Valedora do Pobo policial, cargo creado tras os Acordo de Venres Santo, identificáronse oito militantes da organización paramilitar Asociación en Defensa do Ulster (UDA, en inglés) en relación con eses asasinatos e coa tentativa de acabar coa vida doutras 27 persoas. Os oito eran informantes da Policía. A UDA e un seu grupo interno, os Loitadores pola Liberdade do Ulster (UFF), foron responsábeis da morte de 56 persoas en Belfast nos primeiros anos da década de 1990.

Anderson declarou estar "fondamente preocupada" pola dimensión da actuación do RUC, un corpo na súa inmensa maioría composto por protestantes e que era visto como hostil polos nacionalistas. Os grupos paramilitares lealistas foron quen de importar armamento militar en 1987 ─do Goberno surafricano do apartheid─ e distribuílo "grazas a fendas e erros de intelixencia".

En definitiva, a Valedora sinalou que o RUC "mirou para outro lado" a respecto das actividades dos informantes, dos que "a Policía tiña intelixencia de estaren involucrados en actividades criminais graves, incluído o asasinato".

Política "deliberada" de Londres

A líder do Sinn Féin, Mary Lou McDonald, cualificou  o informe de "arrepiante" nunha intervención no Parlamento irlandés, onde pediu ao primeiro ministro, o taoiseach Micheál Martin, que o Goberno da República de Irlanda sexa coherente coa súa posición sobre a Lei de Amnistía que propón Londres e dea unha "resposta contundente" á "guerra sucia" británica; á súa "política deliberada, calculada de armar, dirixir e controlar escuadróns da morte en Irlanda". 

Comentarios