Rusia e Ucraína aceptan unha misión de paz de Estados africanos

Putin e Zelenski terían accedido a recibir a delegación.
Cyril Ramaphosa, presidente de Suráfrica. (Foto: Europa Press / Contacto / Fikile Marakalla /  GSIS)
photo_camera Cyril Ramaphosa, presidente de Suráfrica. (Foto: Europa Press / Contacto / Fikile Marakalla / GSIS)

As autoridades de Rusia e Ucraína acordaron recibir unha delegación de Estados africanos co obxectivo de atopar unha solución de paz ao conflito, segundo informaron onte o presidente de Sudáfrica, Cyril Ramaphosa.

De acordo con Ramaphosa, dita misión internacional está impulsada non só por Sudáfrica, senón tamén polos xefes de Estado de Zambia, Senegal, República do Congo, Uganda e Exipto, segundo recolle o portal surafricano de noticias News24.

"O presidente ruso, Vlaidmir Putin, e o ucraíno, Volodimir Zelenski, con quen estou en contacto, acordaron hospedar unha misión de varios xefes de Estado africanos en Moscú e Kiív", sinalou Ramaphosa desde Singapur, onde se atopa de visita oficial. "Ambos os líderes están listos para recibir os xefes de Estado africanos e discutir como se pode pór fin a este conflito", asegurou.

"A principal das nosas discusións son os esforzos para atopar unha resolución pacífica ao devastador conflito en Ucraína, o seu custo en vidas humanas e o impacto no continente africano", recalcou o presidente Ramaphosa. Que a misión "teña éxito ou non dependerá das discusións que se celebren", agregou.

Crise de prezos

"África está preocupada pola crise en Ucraína, que afecta directamente os países africanos e provoca o aumento dos prezos de alimentos e do combustíbel", concluíu o mandatario surafricano, segundo recolle a axencia rusa TASS. 

Ramaphosa defendeu recentemente a súa posición de "non aliñamento" no conflito ucraíno e asegurou que esta equidistancia non favorece a Rusia, respondendo así ás acusacións dos Estados Unidos de América sobre un suposto envío de armamento desde Pretoria. 

Así e todo, tanto Washington como Londres e o secretario xeral da ONU foron informados da proposta e expresaron, segundo Rampahosa, un apoio "cauteloso" ao posíbel plan de paz africano para pór fin ao conflito armado.

Comentarios