Os líderes europeos prometen máis armamento para Ucraína

Zelenski finaliza a súa xeira de xuntanzas en Europa.
Zelenski e Sunak, esta segunda feira. (Foto: Carl Court / Pa Wire  / Dpa)
photo_camera Zelenski e Sunak, esta segunda feira. (Foto: Carl Court / Pa Wire / Dpa)

O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, finalizou esta segunda feira no Reino Unido a súa xeira de xuntanzas por distintas capitais europeas coa finalidade de recadar máis armamento para o seu Estado.

Zelenski recalou esta segunda feira por sorpresa no Reino Unido, un aliado chave no ámbito militar e ante o que avogou de novo pola creación dunha "coalición de cazas", sen ben o primeiro ministro Británico, Rishi Sunak, limitouse a ofrecer formación aos pilotos ucraínos e non se mostrou disposto a entregar os avións que reclama o seu socio. 

Así e todo, Sunak insistiu en que o apoio do Reino Unido a Ucraína seguirá a ser "firme". O Goberno británico confirmou que dotará nos próximos meses as forzas ucraínas de "centos" de novos mísiles de defensa antiaérea e vehículos aéreos non tripulados, entre eles drons  cun radio de alcance superior a 200 quilómetros. Esta doazón de armamento súmase ao envío de mísiles de longo alcance anunciado a semana pasada.  

Nunha breve declaración após o término do encontro o primeiro ministro británico confirmou que "relativamente cedo" comezará o programa de formación de pilotos que Londres prometeu en febreiro, con vistas a adestrar militares ucraínos no uso de F-16. 

Non obstante, a petición de Zelenski pasa non tanto pola formación como pola entrega de aeronaves, na medida en que a Forza Aérea ucraína continúa a depender de avións da era soviética e só Polonia e Eslovaquia deron o paso. Kiív reclama os modernos F-16, pero tamén desde Washington descartaron esta posibilidade. 

Máis armamento

A visita ao Reino Unido pon fin a unha xeira de visitas na que Zelenski visitou tamén Italia, Alemaña e Francia reuníndose cos distintos mandatarios de cada Estado, coa presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, e co Papa. 

Neste marco, o ministerio de Defensa alemán anunciou a entrega a Ucraína dun novo paquete de axuda militar valorado en 2.700 millóns, o máis cuantioso desde o comezo da guerra contra Rusia. Con esta axuda Berlín pasou a converterse, xunto a Washington e Londres, no maior provedor de tanques, mísiles e sistemas antimísil para Ucraína. 

Pola súa parte, Francia anunciou tamén a entrega de carros blindados e tanques lixeiros, pero non de mísiles de largo alcance nin avións de combate (ao igual que o Reino Unido e os Estados Unidos de América), unha cuestión que París cualificou de "prematura".

Comentarios