Rusia executa novos bombardeos e Ucraína pide armamento ao G7

A OCDE adianta migracións récord cara a Alemaña, o terceiro país que máis refuxiados ucraínos acolle despois de Rusia e Polonia, nunha xornada na que as tropas rusas volveron atacar varias rexións e o G7 avalía as demandas de Kíiv.

Restos dun ataque en Zaporijia.(Foto: Ukrinform / dpa)
photo_camera Restos dun ataque en Zaporijia.(Foto: Ukrinform / dpa)

O Exército de Rusia lanzou onte unha nova onda de ataques contra “instalacións de mando e control militar e o sistema enerxético de Ucraína”, informou o voceiro de Defensa ruso, Igor Konashenkov, un día despois da vaga de bombardeos que afectaron 15 rexións ucraínas en resposta ao que Moscova considerou un atentado terrorista de Kíiv contra a ponte que une Crimea con Rusia.

A ofensiva rusa en catro oblast provocou unha morte na cidade de Zaporijia, mentres que as autoridades ucraínas elevan a 19 as vítimas mortais na segunda feira. Arredor de 300 localidades do país seguen con interrupcións na subministración eléctrica após suspenderse o funcionamento de 22 centrais. Pola súa banda, as Forzas Armadas ucraínas apuntaron que os ataques de Rusia son unha resposta por “non ser capaces de deter as triunfais contraofensivas” de Kíiv en Khárkiv e Khersón.

Ademais, o G7 reuniuse onte para avaliar a situación bélica despois dos compromisos asumidos por países como Alemaña ou os Estados Unidos, que aceptaron a solicitude ucraína de enviar sistemas antiaéreos e máis armamento ao país, que xa recibiu armas por valor de 30.000 millóns de euros dos integrantes da Organización do Tratado do Atlántico Norte desde finais de febreiro.

No tocante a estes envíos, o voceiro do Kremlin, Dimitri Peskov, fixo fincapé en que só buscan alongar a guerra, “facéndoa dolorosa ao máximo para a parte ucraína”.

Amais, Mevelut Cavusoglu, ministro de Exteriores de Turquía, solicitou “un alto o fogo o antes posíbel” que leve a “unha paz xusta”.

Con respecto aos refuxiados que está a provocar o conflito, a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) trasladou nun informe que estima que o número de migrantes que están a entrar en Alemaña en 2022 superará o do ano con máis rexistros, en 2015, durante a guerra en Siria, por mor da entrada de persoas procedentes de Ucraína.

Dos sete millóns e medio de refuxiados ucraínos, Alemaña é o terceiro país que máis acolle despois de Polonia e Rusia, onde se localizan unha terza parte deles, segundo o Alto Comisionado de Nacións Unidas (ONU) para os Refuxiados.

A nivel diplomático, a Asemblea Xeral da ONU decidiu que a votación da resolución sobre as incorporacións de catro territorios ucraínos a Rusia non se efectúen de forma secreta, como pedía Moscova, que o xustificaba en evitar as presións dos estadounidenses e dos seus aliados contra os Estados membros da institución.

Comentarios