O Goberno francés pagará 150 euros mensuais ás familias que acollan refuxiados ucraínos

A medida chegaría a até 12.000 familias.
Refuxiados ucraínos á súa chegada ao aeroporto alemán de Duesseldorf. (Foto: Roberto Pfeil / DPA)
photo_camera Refuxiados ucraínos á súa chegada ao aeroporto alemán de Duesseldorf. (Foto: Roberto Pfeil / DPA)

O ministro de Cidades e Vivenda de Francia, Olivier Klein, anunciou esta cuarta feira que o Estado outorgará unha prestación económica de 150 euros mensuais a aquelas familias que acollan persoas refuxiadas procedentes de Ucraína.

Segundo recolle o xornal Le Figaro, o Goberno que preside Emmanuel Macron estima que esta axuda podería chegar a "entre 5.000 e 12.000" familias e abranguerá o período desde o 1 de abril até o 31 de decembro deste ano, xa que ten efectos retroactivos.

Como condición, o Executivo decreta que a acollida deberá durar, cando menos, tres meses, e as persoas beneficiarias deben ter xestionado o procedemento a través dalgunha ONG ou da propia administración. Quen actuasen "á marxe", pola súa parte, precisarán dunha certificación previa expedida por parte das autoridades locais.

"Esta medida financeira excepcional permite apoiar a xenerosidade espontánea constatada tras o estoupido da guerra en Ucraína, un eslabón fundamental na xestión da crise e na acollida das persoas desprazadas", precisou o ministro Klein.

Novas sancións da UE a Rusia

Noutra orde de asuntos, os estados membro da Unión Europea pactaron esta cuarta feira un novo paquete de sancións a Rusia que incluirá, entre outras cuestións, un tope ao prezo do petróleo ruso.

Esta medida chega como reacción á recente adhesión á Federación Rusa dos territorios de Donetsk, Lugansk, Zaporijia e Kherson. "Nunca aceptaremos os falsos referendos nin tipo ningún de anexión. Estamos determinados a continuar facendo que o Kremlin pague", afirmou a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen.

Vladimir Putin, pola súa parte, asinou un decreto que nomea os líderes rexionais destes catro territorios, mantendo Leonid Pasechnik e Denis Pushilin á fronte de Lugansk e Donetsk, respectivamente, mentres a administración de Zaporijia recae en mans de Evgeni Balitski e a de Kherson, en Vladimir Saldo.

Comentarios