Autoridades ucraínas alertan de novas explosións en varias cidades do país

As Forzas Armadas rusas realizaron un ataque durante a segunda feira en varias cidades de Ucraína, despois da explosión dun camión o pasado sábado na ponte de Kerch, que conecta Crimea con Rusia.
A cidade de Kíiv despois dos ataques a infraestruturas desta segunda feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera A cidade de Kíiv despois dos ataques a infraestruturas desta segunda feira. (Foto: Europa Press)

Ucraína espertou esta terza feira con novas explosións en varias das súas cidades, segundo manifestaron as autoridades do país, explicou na súa conta de Twitter o correspondente de Nós Diario na zona do Donbás, Bruno Amaral de Carvalho.

“Alerta en todas as rexións de Ucraína neste momento”, sinalaba o xornalista poucos minutos despos das 8 horas, para despois engadir que “canles ucraínas falan de mísiles sobre a cidade de Kíiv”.

Esta alerta prodúcese despois de que no día de onte as Forzas Armadas rusas lanzaran un ataque contra a capital ucraína e outras 14 rexións máis do país, en resposta á explosión dun camión o pasado sábado na ponte de Kerch, que conecta Crimea con Rusia, e que provocou tres mortes e a interrupción do tráfico durante 24 horas.

O “ataque masivo” foi dirixido a “instalacións enerxéticas, militares e de comunicacións ucraínas”, salientou o mandatario ruso, Vladimir Putin. Pola súa parte, as autoridades ucraínas elevaron a 19 as persoas falecidas durante o ataque, ademais de 105 feridos e feridas.

Posíbeis explosións en Zaporiyia

Alexander Starukh, dirixente da parte de Zaporiyia que está baixo control ucraíno, acusou Rusia despois de que presuntamente se rexistrasen varias explosións en “infraestruturas críticas”.

Segundo publicou Starukh na súa conta de Telegram, “o ocupante [Rusia] atacou o centro rexional con foguetes. As infraestruturas convertéronse nos obxectivos do inimigo”.

Comentarios