De Países Baixos a Grecia: repunta das restricións en Europa para controlar a variante Ómicron

A aparición de Ómicron forza a adopción de novas medidas restritivas no continente europeo, que antes da detección da variante xa era o epicentro da Covid-19 no mundo. Así como limitacións de viaxe e de reunións, as propostas de confinamento ábrense paso perante o temor á combinación da expansión do virus coas festas. 
Fileiras en comercios non esenciais de Ámsterdam poucas horas antes da entrada en vigor do confinamento. (Foto: Ana Fernández / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Fileiras en comercios non esenciais de Ámsterdam poucas horas antes da entrada en vigor do confinamento. (Foto: Ana Fernández / Zuma Press / Contactophoto)

En pouco máis dun mes, a variante Ómicron da Covid-19 espallouse por cando menos 110 países, segundo confirma a Organización Mundial da Saúde. A súa taxa de contaxio levou a que na pasada fin de semana máis de 8.400 voos en todo o planeta tiveran que ser suspendidos.

Ademais do impacto dos gromos nas distintas cidades do mundo, centos de membros das tripulacións das aeroliñas foron rexistrados como positivos, o que obrigou a reorganizar as rutas, suspender voos e atrasar varias decenas de milleiros de viaxes, provocando as queixas das e dos usuarios.

O impacto na mobilidade que está a provocar a nova variante súmase aos efectos de Delta, que protagonizou a conversión de Europa no epicentro mundial da pandemia nos últimos meses, o que levou a diversos Estados a retomar ou reforzar as medidas de restrición que xa puxeran en marcha.

Países Baixos

Após o confinamento -xa rematado- en Austria, o seguinte país en tomar unha medida deste calibre foron os Países Baixos, que impuxeron o 20 de decembro un confinamento estrito que se estenderá até o 14 de xaneiro, para tratar de rebaixar unha incidencia que se sitúa en máis de mil casos por cada 100.000 habitantes.

Mantéñense fechadas a hostalaría, actividades culturais, escolas, universidades, tendas non esenciais e deporte afeccionado.

Italia

Malia que foron criticadas desde o primeiro momento polas autoridades da Unión Europea, varios Estados apostaron por incluír a exixencia de probas negativas de SARS-CoV-2 para acceder ao seu territorio, con independencia de ter a pauta completa dalgunha das vacinas contra a Covid-19, como é o caso de Italia.

O ministro de Sanidade, Roberto Speranza, asinou a norma que permanecerá en vigor do 16 ao 31 de decembro. No que atinxe ás persoas sen vacinar, amais do test negativo terán que efectuar unha corentena de cinco días.

Grecia

A mesma decisión tomou Grecia, que obriga a todos os viaxeiros a presentar unha proba PCR negativa feita 72 horas antes ou un test de antíxenos realizado nas 24 horas previas, aínda tendo o certificado de vacinación da Unión Europea.

Francia

“Non podemos perder nin un segundo”, sostivo o voceiro do Goberno francés, Gabriel Attal, que alertou do colapso no sistema hospitalario do país após detectarse máis de 100.000 novos contaxios o pasado sábado.

O Executivo está a impulsar unha proposta que procura aprobar antes do 15 de xaneiro, que impediría á poboación sen vacinar acceder aos restaurantes e outros espazos públicos, a través dun novo “pase de saúde”, que non se podería obter sen recibir a picada.

Con todo, o Consello Científico que asesora o Goberno reclama adiar a volta das crianzas ao colexio.

Reino Unido

As illas británicas foron dos primeiros Estados de Europa en lanzar o seu plan de desescalada o pasado verán, porén, a alza do coronavirus nos últimos meses -superando os 90.000 casos diarios a semana pasada- está levando o gabinete de Boris Johnson a valorar un confinamento, tras reintroducir medidas como a obrigatoriedade do uso da máscara en interiores.

Savid Javid, ministro de Saúde, incidiu en que están a elaborar un plan de dúas semanas que incluiría a prohibición de xuntarse en interiores e limitaría a hostalaría ao servizo ao aire libre.

Alemaña

Até o de agora, as medidas de restrición á poboación que se están a aplicar en Alemaña proveñen dos Estados federados, que xestionan desde limitacións nas reunións sociais ao feche de centros culturais ou a redución de horarios na hostalaría.

A nivel xeral, as principais restricións afectan as persoas que se queiran desprazar cara ao país xermano. Entre outros lugares, o Instituto Robert Koch decretou unha exclusión nos desprazamentos procedentes do Reino Unido. Só cidadás e cidadáns alemáns e británicos residentes en Alemaña poderán entrar desde este Estado.

Aliás, o Instituto recoñeceu que até a segunda semana de xaneiro non contarán con datos fiábeis sobre a situación da Covid, co gallo do feche de varias oficinas de Sanidade durante as festas.

Portugal

A explosión de casos nas últimas semanas en Portugal, que alcanza unha incidencia de máis de 600 casos por cada 100.000 habitantes, moveu o Goberno de António Costa a acelerar as medidas que pretendían introducir o 1 de xaneiro, polo que desde o pasado sábado bares e discotecas permanecen fechadas e é precisa unha proba negativa de Covid-19 para entrar en hoteis, eventos deportivos e actividades culturais.

O paquete de restricións, vixente até o 10 de xaneiro, tamén inclúe o teletraballo obrigatorio nas empresas lusas.

Comentarios