Ómicron: "Avanza a unha velocidade nunca antes vista"

A Organización Mundial da Saúde traslada a súa preocupación polo avance desta variante da Covid-19. Na Galiza xa hai confirmados doce casos, media ducia na área sanitaria de Vigo e outra media na da Coruña e Cee.
Unha persoa é tratada con Sinovac en Malasia. (Foto: Abdullah Mohd Yusof / BERNAMA / dpa) #vacina #sinovac #vacinación #tratamento #urxencia #oms #malasia #coronavirus #covid19
photo_camera Unha persoa é tratada con Sinovac en Malasia. (Foto: Abdullah Mohd Yusof / BERNAMA / dpa)
A Organización Mundial da Saúde (OMS) vén de advertir esta terza feira, 14 de decembro, de que a variante Ómicron do coronavirus está a avanzar "a unha velocidade nunca antes vista". Desde que se tivo coñecemento da cepa, que aínda é algo descoñecida respecto do seu funcionamento, se detectaron casos en 77 países -na Galiza xa se coñecen 12 distribuídos entre as áreas de Vigo e A Coruña- pero a organización alerta que "está presente en máis países pero aínda non se detectou".

O director xeral da OMS, Tedros Adhanom, recoñeceu a súa preocupación porque a ómicron está a ser considerada "como algo leve" a nivel social.

Porén, considera que aínda que é certo o seu carácter leve, a súa rápida propagación "podería afectar novamente os sistemas de saúde", polo que reafirmou que "as vacinas por si soas non farán desaparecer a pandemia".

"A variante está a propagarse a unha velocidade que non viramos antes e preocúpanos. Probablemente aprendemos que se  subestimamos o virus, verémonos danados", insistiu o representante da organización.

Continuar coas medidas de prevención

Adhanom, que compareceu ante os medios, chamou tanto aos distintos estados como ás e aos líderes mundiais para que manteñan activas as medidas sanitarias de precaución contra a pandemia, dado "que funcionan".

A este respecto, mandou unha mensaxe clara á poboación mundial: "Non se trata de vacinas no canto de máscaras, non se trata de vacinas no canto de distanciamento, tampouco se trata de vacinas no canto de ventilación. Hai que facelo todo e ben".

De feito, a preocupación está fundamentada pois o voceiro da OMS, Adi Mhamud, confirmou que os primeiros datos e estudos amosan que ten unha taxa de reinfección superior ao resto de variantes até o de agora coñecidas. "Isto demostra a importante taxa de propagación que posúe", insistiu.

Doutra banda, a OMS defendeu a importancia da dose de reforzo pero aclarou que estes programas de vacinación "exacerban a brecha entre os países". Dar dose de reforzo a grupos que están en baixo risco de morte ou infección pon en perigo a vida daqueles que están nun risco alto", advertiu.

Comentarios