Países Baixos prepara un confinamento estrito e Francia prohibe reunións na rúa en Fin de Ano

O Goberno francés prohibe as reunións na vía pública en Noitevella e axiliza a vacinación coa terceira dose para conter os contaxios da variante ómicron do coronavirus. Nos Países Baixos prepárase un confinamento estrito até 14 de xaneiro.  

Francia prohibe reunións na vía pública na Noitevella (Foto: Europa Press).
photo_camera Francia prohibe reunións na vía pública na Noitevella (Foto: Europa Press)

O primeiro ministro de Francia, Jean Castex, anunciou no marco do Consello de Defensa da Saúde, que en Aninovo non estarán permitidos os fogos artificiais nin as reunións na vía pública debido ao coronavirus.  

"Estarán prohibidas as reunións, o consumo de alcol na vía pública e convidaremos os municipios a renunciar aos fogos artificiais", detallou  Castex. Ao seu xuízo "cantos menos sexamos, menos riscos correremos". 

Tamén avogou porque se promova a vacinación e para iso, a tarxeta sanitaria converterase en "carné de vacinación" a principios de 2022, precisando que se presentará no Parlamento un proxecto de lei neste sentido a principios do ano que vén.  

A semana que vén iniciarase unha consulta preliminar sobre este proxecto lexislativo e sobre "calquera outra disposición útil para estender a vacinación na medida do posíbel", aseverou  Castex. 

Doutra banda, o ministro de Saúde francés, Olivier  Véran, anunciou este sábado, 18 de decembro, que a terceira dose de vacina será obrigatoria para traballadores da saúde e bombeiros a partir de 30 de xaneiro. 

"Imos fortalecer a obriga de vacinación de traballadores da saúde e bombeiros integrando a terceira dose a partir de 30 de xaneiro. Non queremos, como en Escocia, que teñamos entre 25 e 30% de coidadores que non poderían traballar porque todos estarían en contacto e por tanto en corentena", explicou Véran, que confirmou a existencia de "varios surtos entre hospitalizados pola variante ómicron, particularmente na rexión de París". 

Até o de agora, Francia rexistrou 240 casos de ómicron e enfróntase a unha quinta onda de contaxios a poucos días das festas de Nadal. 

Países Baixos, cara a un novo confinamento estrito  

O primeiro ministro dos Países Baixos, Mark Rutte, ten previsto anunciar na tarde deste sábado o inicio dun novo confinamento estrito en todo o Estado que comezará desde esta próxima madrugada até 14 de xaneiro, segundo comezaron a deslizar os medios holandeses citando a fontes oficiais. 

Rutte está a ultimar as medidas co seu equipo de xestión do coronavirus para declarar unha vez máis o fechamento case total de colexios, cinemas, restaurantes e comercios non imprescindíbeis. 

O tamaño das reunións en exteriores reducirase a un máximo de dúas persoas e os domicilios só poderán acoller dous visitantes excepto o día de Noiteboa, cando se permitirá a entrada de catro persoas alleas ao domicilio.  

Esta excepción non se aplicaría á véspera de Aninovo. 

O país rexistrou nas últimas horas 14.742 novos contaxios e unha media semanal de 50 falecidos ao día. Desde a sexta feira, máis de 200 pacientes foron hospitalizados, dos cales 29 tiveron que ser ingresados nas UCI. 

En termos totais, Países Baixos rexistrou 2,9 millóns de contaxios e máis de 20.000 falecementos pola enfermidade. 

Comentarios