Confinamento e vacinación obrigatoria en Austria pola expansión da Covid-19

A situación provocada pola Covid-19 en Europa, convertida no epicentro mundial da pandemia, obriga Austria a impor o cuarto confinamento da poboación para intentar frear o avance do virus. Ademais, resolve que a vacinación ten que ser obrigatoria. É o primeiro membro da UE que toma unha decisión deste calibre.
De esquerda a dereita: Michael Ludwig (alcalde de Viena), Günther Platter (gobernador do Tirol), Alexander Schallenberg (chanceler federal) e Wolfgang Mückstein (ministro de Saúde), na rolda de prensa na que anunciaron as medidas contra a Covid. (Foto: Expa / Johann Groder / APA / dpa)
photo_camera De esquerda a dereita: Michael Ludwig (alcalde de Viena), Günther Platter (gobernador do Tirol), Alexander Schallenberg (chanceler federal) e Wolfgang Mückstein (ministro de Saúde), na rolda de prensa na que anunciaron as medidas contra a Covid. (Foto: Expa / Johann Groder / APA / dpa)

A explosión de casos de SARS-CoV-2 en Austria a partir de mediados de outubro, até unha incidencia acumulada que roza os 1.000 contaxios por cada 100.000 habitantes nos últimos sete días, levou o Goberno federal a decretar onte un confinamento total no país a partir da segunda feira.

O Estado centroeuropeo reportou 11.903 mortes e 1.011.465 de infeccións desde o comezo da pandemia, en marzo de 2020, o que motiva o que será o cuarto confinamento total.

Nunha rolda de prensa xunta o ministro de Saúde, Wolfgang Mückstein (Verdes); o gobernador do Tirol, Günther Platter (do conservador ÖVP); e o alcalde de Viena, Michael Ludwig (SPÖ, socialdemócratas), o chanceler federal Alexander Schallenberg (ÖVP) anunciou que o confinamento terá unha duración de 20 días, cunha revisión á décima xornada.

Só será legal abandonar o domicilio para conducir ao traballo, cubrir as necesidades básicas, usar os servizos de saúde e estar ao aire libre por saúde física e mental, mentres que, nas escolas, recoméndase o ensino por vía dixital, mais haberá mestres nos centros para supervisar o alumnado que o precise.

A partir do 13 de decembro, cando remata o prazo, só as persoas que estean vacinadas en contra da Covid-19 poderán abandonar a reclusión, que se estenderá a quen non conte coas picadas.

Amais, desde o 1 de febreiro de 2022 a vacinación da poboación será obrigatoria. Esta batería de medidas pretende incentivar o proceso, cando a cifra de inoculación contra o coronavirus se sitúa no 66% da poboación.

Esta norma remata co “consenso político de que non queríamos que a vacinación fora obrigatoria, asumín que se debería persuadir ás persoas para que se vacinen, para a súa protección, para protexer os seus seres queridos, pero tamén para protexer a sociedade”, recoñeceu Schallenberg no Kronen Zeitung.

O chanceler, que goberna nunha coalición cos Verdes, responsabilizou desta determinación a “demasiadas forzas políticas, opositores laxos coa vacinación, e maila as noticias falsas”, nunha referencia á extrema dereita. Todo isto enche as unidades de coidados intensivos e xera un “sufrimento humano interminábel”.

Ao tempo que facía públicas unha serie de axudas para as empresas afectadas, apuntou que “demasiada xente no noso país se comportou dun xeito pouco solidario, e doe porque temos vacinas dabondo”.

Medios austríacos como Kurier cuestionaron o atraso na toma de decisións, após soster ao longo dos últimos meses o ÖVP que a pandemia estaba superada no territorio austríaco. “Desafortunadamente, a esperanza de que a onda de Covid-19 se desvanecera lentamente non se cumpriu”, salienta, e advirte que “os efectos dun bloqueo estrito non aliviarán de inmediato os hospitais”.

Desde a pasada segunda feira as persoas sen vacinar estaban, en teoría, confinadas. Porén, a dificultade de regular esta clase de restrición, acompañada da suba dos casos, acelerou esta nova reclusión.

Asemade, a quinta feira xa fora decretado un confinamento nas dúas rexións máis afectadas pola repunta de casos, Salzburgo e Alta Austria.

Primeiro país da UE con vacinación obrigatoria

A pesar dos debates que se deron nos membros da Unión Europea (UE) sobre esta cuestión, Austria convértese no primeiro Estado comunitario que aposta pola vacinación obrigatoria.

En febreiro, a Cidade do Vaticano e Indonesia foron os territorios pioneiros en introducir a medida, baixo risco de despedimento ou exclusión dos servizos públicos respectivamente.

En xullo, Taxiquistán, Turkmenistán, República Popular Democrática de Corea e Micronesia tomaron o mesmo camiño, ao que se sumou en setembro Nova Caledonia.

Até o de agora, no seo da UE só sectores determinados estaban obrigados a inocularse, como acontece en Letonia, que nega ás e aos parlamentarios o dereito a voto e recorta os seus salarios no caso de non recibila.
 

Comentarios