Austria e Grecia anuncian multas a quen non se vacine contra a Covid

Alemaña avanza cara á vacinación obrigatoria ao tempo que Austria e Grecia resolven impor sancións ás persoas que rexeiten recibir a vacina contra a Covid-19.
Vacinación en Italia. (Angelo Carconi / Zuma Press / dpa)
photo_camera Vacinación en Italia. (Angelo Carconi / Zuma Press / dpa)

O confinamento imposto en Austria desde o pasado 22 de novembro por mor do aumento de casos de coronavirus, acompañado dunha lei que obrigará a vacinarse a partir de febreiro de 2022, impulsa novas medidas entre os membros da Unión Europea, cada vez máis abertos a negar a posibilidade de non inocularse ás persoas que non conten con xustificación médica para evitar a picada.

Ademais, no país centroeuropeo cada vez se sabe máis da norma de protección fronte á enfermidade que se está a impulsar. Unha filtración do proxecto feita pública polo xornal Die Presse, desvela que no caso de non acudir a unha segunda citación imporase unha sanción de 3.600 euros ou pena de prisión suspendida de catro semanas.

A terceira negativa a asistir suporá unha multa de 7.200 euros, que tamén se aplicará se “a infracción administrativa xerou un risco grave para a vida ou a saúde dunha persoa”.

Seguindo este exemplo, Grecia fixo público esta terza feira que as persoas maiores de 60 anos que rexeiten recibir un dos compostos en contra do SARS-CoV-2 a partir do 16 de xaneiro serán sancionadas con 100 euros.

O importe acumulado polas multas irá destinado a mellorar as infraestruturas sanitarias, indicou o primeiro ministro, Kyriakos Mitsotakis, que cualificou a situación como unha “pandemia dos non vacinados”.

En Alemaña, o futuro chanceler, Olaf Scholz, reuniuse coa mandataria actual, Angela Merkel, e máis coas e cos líderes dos Estados esta terza feira, para avaliar o avance da Covid-19 após o descubrimento dunha nova variante, Ómicron.

Na xuntanza, Scholz sostivo que é partidario de pór en marcha a vacinación obrigatoria en todo o territorio, nese sentido, no acordo de Goberno cos verdes e os liberais, anunciado a semana pasada, incluíase a elaboración dun proxecto de lei que entraría no lexislativo antes do final de 2021.

Ómicron

O secretario da Organización das Nacións Unidas, António Guterres, deu esta terza feira os parabéns a Suráfrica pola eficiencia e transparencia á hora de detectar a nova variante de Covid-19, ao tempo que criticou os Estados que están a restrinxir as viaxes procedentes do país sen información científica, acusándoos de aplicar un “castigo colectivo” ao continente.

“Non se pode culpar á xente de África polo nivel inmoralmente baixo de vacinas dispoñíbeis”, defendeu Guterres, que fixo un chamamento para activar "solucións científicas".

Comentarios