Remata a campaña electoral: Arxentina decide o domingo entre progresismo e extrema dereita

A formación de Milei denuncia unha suposta fraude electoral e pide que os militares custodien as urnas.
Sergio Massa na campaña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sergio Massa na campaña. (Foto: Nós Diario)

Ás 8 da mañá de hoxe (as 12 horas na Galiza), 48 horas antes do comezo das votacións, rematou oficialmente a campaña electoral da segunda volta dos comicios presidenciais na Arxentina, que disputarán o domingo o progresista Sergio Massa, ministro de Economía e candidato de Unión pola Patria, e o ultradereitista Javier Milei, da Liberdade Avanza.

Poucas horas antes, ambos os candidatos levaron a cabo os últimos actos electorais. No caso de Massa, que fechou a campaña nun encontro con estudantes no colexio Carlos Pellegrini, en Bos Aires, protagonizou ao longo do día unha exposición do programa electoral perante un grupo de empresarios e varias xuntanzas coa veciñanza, nas que tratou de desmarcarse tanto do ex presidente conservador Mauricio Macri (Xuntos polo Cambio) como da ex mandataria progresista Cristina Kirchner, incidindo en que “isto non é entre eles, votamos pensando no futuro”, e reclamando “enterrar definitivamente a insoportábel fenda e volver ao diálogo”.

Ao tempo, Milei centrou os seus esforzos na provincia de Córdoba, nun acto con Patricia Bullrich, candidata na primeira volta de Xuntos polo Cambio, e que asinou un acordo canda Macri para apoiar o ultradereitista, que lle ofrecera dirixir o Ministerio de Seguridade de gañar nos comicios. Aínda así, ningunha das forzas da coalición conservadora chegou a pedir o voto para Milei, e o apoio de Bullrich está perto de causar unha ruptura da agrupación.

Entre solicitudes de apoio para a súa candidatura posto que “estamos indo ao inferno”, asegurou Milei, a Liberdade Avanza acusou a Xendarmería Nacional por unha suposta “fraude colosal” a favor de Massa ao presuntamente modificar as actas de votación durante a primeira volta, na que o progresista se impuxo a Milei, todo isto baseado en denuncias de “persoas nas redes sociais”, polo que reclamou que os militares substitúan os xendarmes na custodia das urnas.

Logo de citar as persoas apoderadas da formación para que ofrecesen documentación que probase as acusacións, a xuíza María Servini lembrou á extrema dereita que a lei arxentina permite que representantes do partido acompañen as urnas até a entrega á xunta electoral. Aníbal Fernández, ministro de Seguridade, anunciou que demandará o partido por unha acusación “desprezábel”.

Opcións para os dous candidatos

As últimas enquisas publicadas dan opcións de alcanzar a Presidencia tanto a Massa como a Milei. Porén, fixéronse antes do único debate entre os candidatos na segunda volta, no que até os medios conservadores admitiron que venceu o progresista.

Comentarios