Remata a falta de combustíbel na Arxentina tras o ultimato ás petroleiras, con Massa reclamando "firmeza" contra a especulación

O Goberno ameazara con prohibir as exportacións de hidrocarburos.
O presidente arxentino, Alberto Fernández, co titular de Economía, Sergio Massa. (Foto: Europa Press / Contacto / Manuel Cortina)
photo_camera O presidente arxentino, Alberto Fernández, co titular de Economía, Sergio Massa. (Foto: Europa Press / Contacto / Manuel Cortina)

As gasolineiras arxentinas volven paulatinamente á normalidade despois de sufrir un desabastecemento de combustíbel, sostiveron hoxe medios locais, após o ultimato do ministro de Economía arxentino e candidato presidencial da progresista Unión pola Patria, Sergio Massa, que advertira as petroleiras de que se á medianoite de onte non se normalizaba a situación a partir de hoxe quedaría prohibida a exportación de hidrocarburos.

“Empezou a aparecer maxicamente o combustíbel que non estaba”, ironizou Massa, que acusou as petroleiras de reter a produción logo do “ruído iniciado hai 15 días no medio do proceso electoral sobre unha desvalorización”, antes de incidir en que é preciso “ter firmeza cando se producen situacións de especulación que prexudican a xente”.

Reacción das petroleiras

Tras a ameaza do Executivo arxentino, as petroleiras con refinarías baixo o seu control, a pública YPF, a estadounidense Axion Energy, a suíza Trafigura e Raizén (que posúen conxuntamente a británica Shell e a brasileira Grupo Cosan), presentaron rapidamente un plan ao Goberno para lograr a “normalidade operativa” nas estacións de servizo.

Massa terá en fronte o 19 de novembro, na segunda volta das eleccións presidenciais, a Javier Milei, da extrema dereita da Liberdade Avanza.

Ruptura de Xuntos polo Cambio no Senado

O apoio a Milei por parte de Patricia Bullrich, da coalición conservadora Xuntos polo Cambio, mantén a alianza ao bordo da ruptura, algo que se xa produciu no seu grupo no Senado.

Na Cámara alta, catro representantes próximos ao ex presidente conservador Mauricio Macri apoiaron o ultradereitista, rachando coa neutralidade pactada co resto de senadoras e senadores.

Comentarios