Arxentina

Massa e Milei encaran a semana das eleccións cun escenario aberto: que din as enquisas?

A vitoria do progresista Sergio Massa na primeira volta das presidenciais foi insuficiente para ser investido, polo que este domingo a cidadanía arxentina deberá elixir entre a súa papeleta e a do ultradereitista Javier Milei.
Á esquerda, o progresista Sergio Massa; á dereita, o ultradereitista Javier Milei. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Á esquerda, o progresista Sergio Massa; á dereita, o ultradereitista Javier Milei. (Fotos: Europa Press)

Massa ou Milei; Milei ou Massa. As opcións para a cidadanía arxentina reducíronse a dúas o pasado 22 de outubro, nunha primeira volta das eleccións presidenciais na que o bloque progresista conseguiu imporse contra todo prognóstico. O candidato de Unión pola Patria —a coalición do Partido Justicialista, actualmente no poder—, Sergio Massa, obtivo un 36,7% dos votos que o situou na primeira posición —precisaba no mínimo alcanzar 40% para evitar a segunda votación e ser investido directamente— cunha vantaxe de máis de seis puntos sobre o segundo, o ultradereitista Javier Milei (A Liberdade Avanza), con 30%.

Á cabeza pero lonxe da maioría absoluta nas urnas, a chave na segunda volta deste domingo, 19 de novembro, téñena as e os votantes da lista de Xuntos polo Cambio, apoiada polo ex presidente Mauricio Macri e encabezada por unha Patricia Bullrich que non dubidou en aceptar o convite de Milei —ofreceulle após ficar fóra da carreira presidencial o Ministerio de Seguridade— e apresurouse a confirmar o seu apoio ao candidato da extrema dereita. Unha decisión, porén, que crebou a coalición do centro-dereita.

Desde a Coalición Cívica e a Unión Cívica Radical (UCR) avogaron por non pedir o voto para ningún candidato na segunda e decisiva rolda de votacións, mentres a Proposta Republicana (PRO) de Bulrrich e Macri deron liberdade aos seus dirixentes. E o propio ex mandatario arxentino, canda o ex presidente español Mariano Raxoi, o mexicano Felipe Calderón ou o colombiano Iván Duque, si apoiou publicamente Milei. "Xuntos polo Cambio deixou de ser o cambio", alegou esta segunda feira Bullrich, remarcando novamente o seu voto para a lista da ultradereita.

E que din as enquisas? As tres primeiras sondaxes inmediatamente posteriores á primeira volta presentaron un escenario moi favorábel para Sergio Massa, con dúas que o daban como gañador con vantaxes de entre oito e dez puntos sobre Milei e unha terceira que, se ben daba a vitoria ao representante de A Liberdade Avanza, deixábao só 1,4 puntos por debaixo. Após coñecerse o apoio explícito de Patricia Bullrich, porén, a balanza comezou a inclinarse levemente do lado de Milei, con catro de cinco enquisas até o 31 de outubro que o deron como vencedor, con entre 0,2 e 4,2 puntos máis que o seu rival, que gañaría na quinta en cuestión (+2,3).

O propio día 31 consumouse a ruptura en Xuntos polo Cambio co anuncio da UCR de non pedir o voto para ningún e manter así "a individualidade" e a aposta por unha terceira vía allea a Milei e Massa... e desde entón as sondaxes volveron aupar maioritariamente o ultradereitista, se ben a vantaxe segue a ser mínima e os resultados preséntanse moi igualados.

Entre o 1 e o 11 de novembro, día previo ao debate final —no que a prensa deu principalmente como gañador o progresista—, realizáronse outras 18 enquisas de diferentes compañías, con resultado favorábel para Javier Milei en trece delas, con diferenzas en porcentaxe de votos que oscilan entre os 1,7 e os 12,8 puntos, e obtendo no peor escenario 37% dos sufraxios totais e 56,4% no mellor —nun estudo que non ten en conta nin os votos en branco nin os votantes indecisos e no que Massa lograría, por tanto, o 43,6% restante—.

Os apoios a Massa roldan entre o 31% e o 47%, con vantaxes entre 1,4 e 2,7 puntos. Porén, é especialmente significativa a porcentaxe de votantes indecisos, que van desde o 0,8% até nada menos que o 27%, polo que todos os escenarios están totalmente abertos de cara ao domingo. E xogarán tamén un papel chave os votos en branco, que irían desde o 2,2% até o 9,8% e poderían decantar a balanza dun ou outro lado.

Comentarios