A Arxentina dá un ultimato ás petroleiras : ou garanten a subministración ás gasolineiras ou prohibirá as exportacións

Massa suma novos apoios para a segunda volta, na que se enfrontará a Milei, de extrema dereita.
Sergio Massa na campaña. (Foto: Franco Fafasuli / DPA)
photo_camera Sergio Massa na campaña. (Foto: Franco Fafasuli / DPA)

“O petróleo dos arxentinos é dos arxentinos”, proclamou Sergio Massa, ministro de Economía e candidato da progresista Unión pola Patria na segunda volta das presidenciais do 19 de novembro, recolleu hoxe a axencia Télam.

Estas declaracións producíronse no marco da falta de provisións nas estacións de servizo do país americano. Nese sentido, Massa deu un ultimato ás empresas petroleiras, ás que advertiu que, “se a terza feira ás 12 de noite non está resolto o abastecemento de combustíbeis, desde a cuarta feira non van poder sacar un barco de exportación”.

O ministro vinculou a situación coa especulación por parte destas compañías, que terían freado a subministración de combustíbel agardando que o resultado da primeira volta dos comicios presidenciais, o 22 de outubro, levase a unha desvalorización da moeda, ao tempo que outras petroleiras tamén especularon coa fin do acordo de conxelación de prezos nas gasolineiras, coa esperanza de que supuxese un aumento dos prezos.

Amais de defender a importancia das regulacións estatais para evitar que as decisións das grandes corporacións xeren efectos negativos á poboación arxentina, Massa sumouse ás homenaxes ao ex presidente Raúl Alfonsín, catro décadas despois das eleccións que levaron á volta da democracia após a ditadura militar de extrema dereita que se estendeu de 1976 a 1983.

Alfonsín, que faleceu en 2009, era neto de galegos e activista no movemento de dereitos humanos contra a ditadura, nunha loita na que o seu principal refuxio e sala de operacións foi o Centro Lalín, Agolada e Silleda de Bos Aires.

Ao respecto da segunda volta electoral, na que Massa se enfrontará a Javier Milei, da extrema dereita da Liberdade Avanza, o progresista continúa a sumar novos apoios. Unha deputada e un deputado do Interbloque Federal fixeron público o seu voto a Unión pola Patria.

Este grupo parlamentario formouse tras os comicios de 2019 baixo o liderado de Juan Schiaretti, que nesta ocasión encabezou a candidatura da centrista Facemos polo Noso País, que ficou na primeira volta con 6,78% dos sufraxios e resolveu non apoiar ningún dos dous candidatos.

A mesma posición asumiron varias das formacións da conservadora Xuntos polo Cambio entre o rexeitamento ao apoio anunciado da súa candidata, Patricia Bullrich, a Milei. Os gobernadores da coalición divulgaron que tampouco apoiarán ningunha das dúas candidaturas na fase final.

Máis en INTERNACIONAL
Comentarios