A coalición conservadora arxentina, a piques de colapsar logo do apoio de Bullrich á extrema dereita

Medios arxentinos advirten da posibilidade dunha disolución.
Patricia Bullrich após anunciar o apoio a Javier Milei. (Foto: Pablo Aneli / telam / DPA)
photo_camera Patricia Bullrich após anunciar o apoio a Javier Milei. (Foto: Pablo Aneli / telam / DPA)

Xuntos polo Cambio, a principal coalición de forzas conservadoras na Arxentina, e que levou á Presidencia a Mauricio Macri entre 2015 e 2019, está ao bordo da ruptura tras anunciar a súa candidata na primeira volta das eleccións presidenciais, Patricia Bullrich, que apoiará na segunda volta Javier Milei, da extrema dereita da Liberdade Avanza, contra o progresista Sergio Massa, de Unión pola Patria.

Larreta frea a decisión do PRO

A pesar da decisión de Bullrich, á que Milei ofreceu o Ministerio de Seguridade, a súa formación, Proposta Republicana (PRO), aínda non tomou unha decisión, tras a negativa na madrugada de hoxe de Horacio Larreta, alcalde de Bos Aires que foi derrotado nas primarias, a aceptar a decisión, incidindo en que Milei “é un salto ao baleiro”, nunha intervención na que tamén criticou que Bullrich e Macri se reuniran co ultradereitista.

Así e todo, negouse a apoiar Massa, incidindo en que non pode “acompañar ningún dos dous candidatos que van facer dano aos arxentinos” e reclamando ficar na oposición.

Parte dos radicais apoiarán Massa

A Unión Cívica Radical resolveu declararse neutral na segunda volta. Gerardo Morales, presidente do Comité Nacional do partido, acusou Bullrich e Macri de ser “os grandes responsábeis de pór en risco” a coalición coa súa decisión, coa que se colocaron “fóra” de Xuntos polo Cambio.

Con todo, a equidistancia entre ambos os dous candidatos non foi aceptada por varios grupos dentro dos radicais, como é o caso dos membros da rexión do Norte Grande, que se pronunciaron a favor de Massa.

O líder doutra formación integrada, Maximiliano Ferraro, da Coalición Cívica -que optou pola neutralidade-, tamén arremeteu contra os líderes do PRO, considerando “vergoñento” o apoio á extrema dereita.

Comentarios