Bullrich apoiará Milei nas presidenciais arxentinas após ofrecerlle un ministerio

A candidata de Xuntos polo Cambio xustifica o seu apoio ao líder ultra alegando que "a patria está en perigo" con Sergio Massa, o máis votado na primeira volta. A segunda e definitiva será o 19 de novembro.
Patricia Bullrich e Sergio Massa, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Pablo Aneli / Télam / DPA)
photo_camera Patricia Bullrich e Sergio Massa, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Pablo Aneli / Télam / DPA)

A cidadanía arxentina volverá ás urnas o domingo 19 de novembro para elixir o seu presidente en segunda volta, logo de que a primeira votación do pasado día 22 rematase cunha axustada vitoria do progresista Sergio Massa, de Unión pola Patria, cun 36,77% que foi insuficiente para ratificar a súa elección. A segunda candidatura máis apoiada foi a do ultradereitista Javier Milei (A Liberdade Avanza), con arredor de 30% dos sufraxios.

Diante deste escenario, o 23,8% de votos que recibiu a lista de Xuntos polo Cambio, encabezada por Patricia Bullrich e que en 2015 deu a vitoria a Mauricio Macri, preséntase chave de cara á segunda volta. E Milei, sabedor diso malia rivalizar dialecticamente con Bullrich durante a campaña, apresurouse unha vez fechadas as urnas a ofrecerlle o Ministerio de Seguridade, departamento que xa dirixira entre 2015 e 2019. "Se ela quere sumarse, como non a vou incorporar?", dixo Milei.

Bullrich recolleu a luva e esta cuarta feira confirmou o seu apoio ao líder ultra alegando que, "cando a patria está en perigo, todo está permitido". "Este momento interpélanos a non ser neutrais fronte ao perigo do kirchnerismo de Sergio Massa", asegurou, nunha rolda de prensa na que a acompañou o seu número dous, Luis Petri, que tamén pediu o voto para Milei. Fixérono, porén, a título persoal "e non en nome de Xuntos polo Cambio".

Tamén confirmou que se reuniu estes días co candidato e que se "perdoaron" mutuamente os seus respectivos reproches para "aunar forzas para un obxectivo superior" que Bullrich definiu como o "dilema de cambio ou continuidade mafiosa para Arxentina". "Hoxe a patria necesita que nos perdoemos", concluíu.

Comentarios