Massa imponse ao ultradereitista Milei no debate previo ás votacións do domingo na Arxentina

As sondaxes predín uns comicios moi igualados.
Javier Milei e Sergio Massa, no debate da madrugada de hoxe. (Foto: Godoy Camila / Télam)
photo_camera Javier Milei e Sergio Massa, no debate da madrugada de hoxe. (Foto: Godoy Camila / Télam)

Até o xornal conservador Clarín admitiu na madrugada de hoxe a vitoria de Sergio Massa, de Unión pola Patria, fronte Javier Milei, da extrema dereita da Liberdade Avanza, no debate entre os dous aspirantes á Presidencia arxentina, antes de que este domingo se desenvolva a segunda volta dos comicios presidenciais. O mesmo fixeron as e os doce analistas consultados polo xornal La Nación.

Pola súa parte, Milei atribuíu a súa mala actuación a que o público “era un coro de tose”, logo de insistir nas últimas xornadas nunha suposta fraude electoral na primeira volta, gañada por Massa. Aínda que ningunha formación da conservadora Xuntos polo Cambio, terceira nesa votación, apoiou finalmente Milei perante o risco de ruptura da coalición, as últimas enquisas publicadas apuntan a que tanto Massa como o ultradereitista teñen posibilidades de vitoria.

Nese sentido, mentres os traballos demoscópicos de Clivajes Consultores, Circuitos e Celag adiantan un triunfo progresista, as sondaxes de Atlas Intel, Consultora Delfos, Tendencias e a Universidade de San Andrés dan vantaxe a Milei.

O ex presidente español entre 2011 e 2018, Mariano Raxoi, do Partido Popular, sumouse a oito ex mandatarios conservadores de América nun manifesto no que reclaman votar o candidato de extrema dereita, ao que cualifican de “esperanza do cambio” en dirección á “liberdade, o progreso e a xustiza”.

Outro dos asinantes é o escritor Mario Vargas Llosa, que xa defendeu no Perú o voto para a candidata da extrema dereita nas últimas eleccións, Keiko Fujimori, antes de facer un chamamento a un golpe de Estado para evitar a investidura do progresista Pedro Castillo.

Comentarios