Por que está sendo investigado o fillo de Biden?

A investigación contra Hunter Biden, fillo do presidente dos Estados Unidos de América (EUA), Joe Biden, colleu forza nos últimos meses. Dita investigación, que comezou en 2018, refírese a múltiples actividades financeiras e comerciais en terceiros países, entre os que se atopa Ucraína.
O presidente Biden recibe os parabéns da familia, incluíndo o seu fillo Hunter Biden (dereita), na súa investidura en xaneiro de 2021. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente Biden recibe os parabéns da familia, incluíndo o seu fillo Hunter Biden (dereita), na súa investidura en xaneiro de 2021. (Foto: Europa Press)

A investigación do Departamento de Xustiza sobre as actividades comerciais de Hunter Biden cobrou forza nos últimos meses, cunha onda de testemuñas que están a brindar declaración neste proceso. Os feitos que están a ser investigados son se Hunter Biden e algunhas das súas persoas asociadas violaron as leis de lavado de diñeiro, impostos e influencia no estranxeiro, así como un posíbel incumprimento da regulacións sobre armas.

A actividade na investigación tivo interrupcións polo coronavirus e pausas ao redor das eleccións de 2020, e nalgúns casos, os investigadores non fixeron un seguimento durante meses despois de comunicarse coas posíbeis testemuñas.

Porén, nos últimos meses, a investigación sobre Biden intensificouse xunto coas discusións entre o persoal do Departamento de Xustiza sobre a solidez do caso. As pescudas centráronse inicialmente en cuestións fiscais e transferencias de diñeiro relacionadas con actividades comerciais na China, e posteriormente examinouse o papel de Hunter Biden mentres formaba parte da dirección da compañía enerxética ucraína Burisma.

O investigado regularizou impostos pendentes, os rexistros públicos mostran que resolveu a súa situación fiscal pagando máis de 450.000 dólares en gravames estatais en Washington até 2020. Mais eses pagos non resolveron os seus problemas legais, pois existen dúbidas sobre a orixe dos fondos para pagar a regularización de impostos.

Negocios en Ucraína

A participación de Biden en Ucraína foi unha fonte importante dos seus problemas legais e políticos. Formou parte da xunta directiva da enerxética ucraína Burisma e cobrou até 50.000 dólares ao mes, entre 2014 e 2019, segundo un informe do Senado liderado polos republicanos sobre as actividades comerciais de Biden publicado en 2020.

O período no que Hunter Biden tivo relación coa empresa ucraína superponse coa época durante a que seu pai foi vicepresidente do Executivo dos EUA e na que resultou elixido polo entón presidente, Barack Obama, para manexar os asuntos relacionados con Ucraína.

A Xustiza investiga se unha empresa de representación que traballa con Burisma chamada Blue Star Strategies se achegou a funcionarios do Goberno dos EUA nun intento de puír a reputación da empresa ucraína despois de existir controversias entre o país norteamericano e a enerxética por determinadas accións do seu fundador.

O ano pasado os investigadores buscaron información de antigos contactos de Hunter Biden. O seu socio e tamén membro da xunta directiva de Burisma, Devon Archer, compareceu ante o Gran Xurado de Delaware o xullo pasado, e foi preguntado sobre os pagos que Burisma fixo a unha entidade fundada por Biden e outras persoas, que parecían ter relación cos impostos de Biden, segundo revelaron fontes involucradas a CNN.

Entre as testemuñas do caso atópase unha muller de Arkansas que tivo un fillo con Hunter Biden e que o demandou por impago da manutención infantil. O avogado da muller revelou a CNN que declarou o pasado febreiro ante o Gran Xurado en Delaware e entregou os rexistros financeiros que tiña do acusado. 

Tamén, segundo publicou The New York Post o pasado mes, descubriuse que no interior dunha computadora que Biden deixou abandonada nunha tenda, había mensaxes nas que facía fachenda de se aproveitar do poder do seu pai, así como máis de dous mil fotografías, entre elas, unha cantidade indeterminada de contido sexual.

Relación con laboratorios de armas biolóxicas 

O Ministerio de Defensa de Rusia afirmou que dispón de correspondencia de Hunter Biden que confirma un vínculo financeiro con biolaboratorios destinados a usos militares en Ucraína.

O presidente da Duma Estatal rusa, Viacheslav Volodin, exixiu explicacións do presidente dos EUA, Joe Biden, sobre os supostos vínculos do seu fillo con experimentos militares de biolaboratorios ucraínos. “Non é calquera persoa involucrada na creación de biolaboratorios en Ucraína, senón o mesmo presidente dos EUA”, declarou.

Comentarios