O Goberno dos Estados Unidos recoñece a existencia de "instalacións de investigación biolóxica" en Ucraína

"Estamos a traballar cos ucraínos para evitar que ese material de investigación caia en mans rusas, no caso de que o fagan", asegura a subsecretaria de Estado para Asuntos Políticos dos Estados Unidos.

photo_camera Intervención de Victoria J. Nuland no Senado dos Estados Unidos. (Vídeo: C·SPAN 6)

A subsecretaria de Estado para Asuntos Políticos dos Estados Unidos (EUA), Victoria J. Nuland, recoñeceu na última sesión do Senado a existencia de "instalacións de investigación biolóxica" situadas en solo ucraíno.

Nuland respondeu así a unha pregunta formulada polo senador Marco Rubio, en relación á "invasión rusa de Ucraína", sobre se Ucraína ten armas químicas ou biolóxicas. 

A subsecretaria de Estado, que nun primeiro momento dubida en que responder, tal e como pode verse no vídeo, afirma que si existen estas instalacións de investigación biolóxica, para despois sinalar a "preocupación" de que "as tropas rusas poidan tomar control das mesmas".

"Estamos a traballar cos ucraínos para evitar que ese material de investigación caia en mans rusas, no caso de que o fagan", prosegue.

"Propaganda rusa"

Hai menos dunha semana, o Goberno ruso denunciou a existencia de instalacións ucraínas que contaban con apoio da Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN), nas que se estaban a desenvolver "armas biolóxicas" para atacar a zona do Donbás en cooperación coa OTAN, algo que os Estados Unidos e o resto da comunidade internacional cualificou de "propaganda rusa".

Na súa intervención, o senador Rubio fai referencia a esa "teoría da propaganda rusa", e cuestionou a Nutland se, no caso de producirse algún tipo de ataque biolóxico ou químico en Ucraína, "sería 100% culpa dos rusos".

A subsecretaria de Estado asegurou que non tiña ningunha dúbida desa posibilidade, e engadiu que, se trata da "clásica técnica rusa de culpar ao inimigo do que eles mesmos están a facer", en referencia á estratexia de 'falsa bandeira' que tanto Rusia como os propios Estados Unidos levan anos a empregar en diferentes territorios.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios