A UE substituirá o gas natural ruso polo estadounidense

A Unión fecha un acordo cos EUA, que subministrarán 15.000 millóns de metros cúbicos de gas natural licuado para "reducir a dependencia de Rusia" e outros 50.000 millóns até 2030.
O presidente dos EUA, Joe Biden, e a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen (Foto: Jeff J Mitchell / PA Wire / DPA).
photo_camera O presidente dos EUA, Joe Biden, e a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, na cimeira do COP26 decorrida en Glasgow o pasado novembro (Foto: Jeff J Mitchell / PA Wire / DPA).

A Unión Europea (UE) vén de fechar un acordo cos Estados Unidos (EUA) a través do cal o país norteamericano fornecerá 15.000 millóns de metros cúbicos de gas natural licuado ao mercado comunitario para reducir a dependencia dos combustíbeis fósiles rusos, segundo anunciaron a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e o presidente dos EUA, Joe Biden, nunha comparecencia de prensa.

Nun comunicado, a Casa Branca precisa que os EUA "traballarán con socios internacionais" para garantir esta subministración á UE. Aliás, a Comisión Europea comprometeuse a adquirir 50.000 millóns de metros cúbicos de gas natural licuado estadounidense de aquí ao 2030, en virtude dun acordo pensado para reducir a "forte dependencia enerxética" que a UE ten de Rusia.

Este acordo de subministración contará coa implicación do sector privado e implementará recomendacións para reducir a demanda de gas de Rusia e acelerar o despregamento de enerxías limpas.

Tanto a UE como EUA comprometéronse a reducir os gases de efecto invernadoiro do gas da capacidade adicional de gas natural licuado, así como o fornecido a través de gasodutos, reducindo as emisións de metanos e construíndo novas infraestruturas de hidróxeno.

O Executivo comunitario preparará un marco regulatorio para asegurar a subministración enerxética e o almacenamento de gas no mercado comunitario.

"Precisamos asegurar a subministración non só para o próximo inverno, senón para os próximos anos. O noso acordo ten como obxectivo apoiarnos nesta guerra", sinalou Von der Leyen, que tamén afirmou que a cantidade comprometida de gas "substituirá" a que a UE recibe actualmente de Rusia.

Pola súa parte, Biden engadiu: "Sei que eliminar o gas ruso terá custos para Europa, pero non só é o correcto moralmente se non que nos colocará nunha posición estratéxica máis forte".

Comentarios