Protestas en Grecia tras o accidente polo mal estado do sistema ferroviario

Elevan a 57 o número de mortes no accidente ferroviario en Grecia desta semana, entre críticas ao Goberno polo deficiente estado do sistema, que xerou protestas e unha folga do sindicato de traballadores ferroviarios.
Tren accidentado en Grecia. (Foto: Tzekas Leonidas / Eurokinissi via / DPA)
photo_camera Tren accidentado en Grecia. (Foto: Tzekas Leonidas / Eurokinissi via / DPA)

Os forenses gregos confirmaron onte que 57 persoas morreron no choque de dous trens que circulaban pola mesma vía á última hora da terza feira en Larisa, no centro do país, o máis grave no continente europeo desde o descarrilamento en Angrois en 2013. Ademais, 57 persoas continúan hospitalizadas.

Malia que o primeiro ministro grego, Kyriakos Mitsotakis, apuntou que “a traxedia débese sobre todo a un erro humano” para explicar o acontecido, en referencia á detención do xefe de estación, Stefanos Patzartzidis, desde que se fixo público o acontecido sucedéronse as dimisións na cúpula da Organización Helénica de Ferrocarrís e da súa filial especializada en proxectos de infraestruturas.

Tamén renunciou Kostas Karamanlis, o ministro de Transporte, como “o máis mínimo sinal de respecto á memoria das persoas que morreron tan inxustamente”, á vez que asumía a “responsabilidade polas deficiencias do Estado grego”, cun sistema de tren “non apto para o século XXI”.

A Xustiza do país imputou a Patzartzidis por “homicidio neglixente” e outros delitos, penados con entre dez anos de cárcere e cadea perpetua. O xefe de estación explicou que o sistema que regula o reparto de trens nas vías está automatizado pero non funciona, polo que ten que facerse de forma manual en contacto cos maquinistas; esa noite puxo o tren na vía equivocada e non se decatou até o choque. O seu avogado trasladou que está disposto a asumir a súa responsabilidade pero que tamén o teñen que facer outras instancias.

Nese sentido, o líder do sindicato de traballadores ferroviarios, Yiannis Ditsas, confirmou que a sinalización automática non funcionaba no lugar, provocando que os maquinistas ignoraran os sinais polos erros constantes. A última conversa entre Patzartzidis e o condutor do tren suxire que isto foi o que pasou.

A pésima situación do sistema ferroviario levou a poboación a culpar o Executivo, con milleiros de persoas manifestándose en Atenas a cuarta feira por este motivo, nunha marcha que foi reprimida pola Policía con bombas lacrimóxenas.

Onte, o sindicato ferroviario fixo folga para protestar pola falta de sistemas de seguridade que poderían ter evitado o accidente, algo que denunciaran en distintas ocasións na liña Atenas-Tesalónica, onde decorreu.

Os trens gregos son operados pola empresa pública ferroviaria italiana desde 2017, cando foron privatizados no marco das exixencias da Unión Europea e o Fondo Monetario Internacional para entregar un rescate económico que permitira ao país loitar contra a crise.

Comentarios