Decenas de mortos e máis dun cento de feridos pola colisión de dous trens en Grecia

As autoridades helenas apuntan a un erro na xestión do tráfico e elevan a 36 os falecidos e 130 os feridos após chocar un tren de pasaxeiros con outro de mercadorías por, supostamente, trabucarse de vía.
Un tren de mercadorías bateu con outro que levaba 350 pasaxeiros. (Foto: ERT News)
photo_camera Un tren de mercadorías bateu con outro que levaba 350 pasaxeiros. (Foto: ERT News)

Un tráxico accidente ferroviario conmociona Grecia. Dous trens, un dedicado ao transporte de mercadorías e o outro comercial con perto de 350 pasaxeiros e 20 tripulantes, chocaron na noite desta terza feira nas proximidades da cidade grega de Tempe, na rexión de Tesalia. Segundo a última información oficial achegada polas autoridades do país heleno hai escasos minutos, e recollidas pola prensa local, hai no mínimo 36 persoas falecidas, se ben a cifra segue a aumentar conforme avanzan as horas e a investigación do lugar. Hai tamén, cando menos, 130 feridos de diversa consideración, dos que a metade están a ser atendidos en hospitais de Larissa, Katerinis e Salónica.

O tren de pasaxeiros, apunta o xornal IN, realizaba a ruta Atenas-Salónica e partiu ás 19.22 horas. Fóra do túnel de Tempe, contra as 23h, foi cando topou co outro ferrocarril, que viaxaba de Salónica a Larissa. Os vagóns desencarrilaron e comezaron a arder.

Os dous primeiros vagóns, segundo o mesmo medio, quedaron practicamente destruídos pola colisión, dado que "tornaron nunha masa informe de ferro e incendiáronse". "Están completamente desintegrados, non existen", precisou o gobernador rexional de Tesalia, Kostas Agorastos, en declaracións á televisión pública ERT. As operacións de rescate seguen en curso na procura de sobreviventes.

Un erro na xestión do tráfico sería a causa do sinistro

As primeiras pescudas apuntan a un erro técnico na xestión do tráfico ferroviario como causa do sinistro. Pasada a estación de Larissa, segundo ERT, o tren de viaxeiros desviouse ao carril erróneo e topou o comercial de fronte, nesa mesma vía, sen opción xa de evitar a colisión.

Na mesma liña, o presidente da Federación Panhelénica de Ferrocarrís, Yannis Ditsas, dixo estar seguro de que se tratou dun erro, "por estraño que pareza", se ben aínda non ten claro se se produciu no tren ou por parte dos operarios da estación. "Mais cada tren sae da estación baixo a responsabilidade do xefe da estación", matizou.

Pola súa parte, o primeiro ministro de Grecia, Kyriakos Mitsotakis, decretou tres días de loito oficial, desde esta cuarta feira, 1 de marzo, até a sexta, día 3, con bandeiras a media hasta en todos os edificios da Administración e a suspensión de todas as celebracións públicas previstas.

Foron trasladados a dependencias policiais para prestar declaración polo sucedido o xefe da estación de trens de Larissa, quen estaba ao mando no momento do choque; o representante da compañía privada Hellenic Train, e outro funcionario responsábel do control ferroviario. Após os interrogatorios, o xefe da estación foi formalmente detido mentres prosegue a investigación.

Advertencias desouvidas

Segundo vén de publicar o xornal IN, o sindicato de traballadores do ferrocarril xa alertara hai menos dun mes, o pasado 7 de febreiro, das eivas na seguridade: "Mentres non se tomen medidas de protección nos lugares de traballo e a operación e circulación segura dos trens, non se porá fin aos accidentes. As autoridades perciben a seguridade como un custo".

"Nada funciona. Nin os intermitentes, nin os semáforos, nin o control de tráfico. Se o fixesen, os condutores verían os semáforos en vermello e deteríanse a tempo. Fartámonos de dicilo", lamentou após o sinistro desta terza feira o presidente do sindicato de maquinistas, Kostas Genidounias.

Comentarios