Que está a ocorrer no mar Exeo? Erdogan ameaza Grecia cunha "acción militar repentina"

O Ministerio de Exteriores de Grecia asegurou que o país “non vai seguir Turquía nas escandalosas ameazas diarias”.
Desfile militar das tropas turcas. (Foto: Europa Press)
photo_camera Desfile militar das tropas turcas. (Foto: Europa Press)

O mar Exeo, fronteira marítima entre Grecia e Turquía, estase a converter nun novo foco de tensión internacional nos últimos días, despois de que o presidente do país otomán, Recep Tayyip Erdogan, ameazase cunha “acción militar repentina” contra o exército grego.

A orixe do conflito vén dunhas manobras militares de Grecia realizadas o pasado 23 de agosto na illa de Creta, cando militares do país europeo empregaron radares do sistema antiaéreo S-300 para fixar como obxectivos varios avións de combate F-16 turcos.

Para Erdogan, este “acoso” á aviación do seu país, xunto coa “ocupación militar” de varias illas da zona do mar Exeo, supoñen un ataque á integridade de Turquía. O dirixente non dubidou en asegurar que Grecia “pagará un alto prezo se vai demasiado lonxe”, e aseverou que “cando chegue o momento, faremos o correcto”.

Neste sentido, Erdogan lembrou a toma de Smyrna en 1922, unha cidade de Grecia na península de Anatolia que foi conquistada polo imperio otomán, e na que se levou a cabo a deportación e asasinato de milleiros de persoas de orixe grega e armenia. ”Unha noite, de súpeto, podemos caer sobre vós”, engadiu o dirixente turco.

Resposta de Grecia

Pola súa parte, o Ministerio de Exteriores de Grecia non tardou en responder ás advertencias de Erdogan e asegurou que o país “non vai seguir Turquía nas escandalosas ameazas diarias”.

Ambos países están forzando a Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN) a que tome parte do conflito dun ou doutro bando. Precisamente, Grecia xa adiantou que dará conta á organización atlantista das ameazas turcas “para deixar claro quen está a dinamitar a cohesión da alianza nun período particularmente perigoso”.

En canto a Erdogan, este asegurou o pasado 2 de setembro que “non pode haber unha OTAN sen Turquía”, ao tempo que apuntou que “Grecia non ten ningún valor” para o organismo militar internacional.

Comentarios