Grecia conxela os bens da vicepresidenta da Eurocámara acusada de corrupción

Eva Kaili defendera recentemente que o réxime qatarí é "líder" en materia de dereitos laborais.
Sesión plenaria do Parlamento europeo na sede de Estrasburgo, Francia (Foto: Philipp von Ditfurth / DPA).
photo_camera Sesión plenaria do Parlamento europeo na sede de Estrasburgo, Francia. (Foto: Philipp von Ditfurth / DPA)

A autoridade responsábel da loita contra o lavado de capitais en Grecia anunciou esta segunda feira que conxelou os bens da vicepresidenta do Parlamento da Unión Europea (UE), Eva Kaili, e de varios integrantes da súa familia, no marco da investigación por unha presunta trama de subornos vinculados a Qatar.

Kaili, do Movemento Socialista Panhelénico (Pasok), foi detida o sábado xunto a outras tres persoas, nunha rede na que tamén estaría implicado o eurodiputado belga Marc Tarabella, o ex deputado da UE por Italia, Pier Antonio Panzeri, e o secretario xeral da Confederación Sindical Internacional, o italiano Luca Visentini, segundo afirman fontes xudiciais citadas por France24.

A sexta feira, o xuíz de Instrución de Bruxelas (Bélxica) que leva o caso rexistrou o domicilio de Kaili na cidade, onde apareceron arredor de 150.000 euros en billetes de 20 e 50, isto provocou a detención do pai de Kaili, que tiña consigo unha maleta con 600.000 euros, sostén L'Echo.

Os detidos están acusados de "pertenza a organización criminal, branqueamento de capitais e corrupción". Pola súa parte, a Fiscalía trasladou que sospeita do "pagamento de grandes sumas de diñeiro que permitira [a Qatar] influír nas decisións da institución", no contexto do Mundial de fútbol masculino que está a decorrer estes días.

A eurodeputada grega estivo en novembro no país de Asia Occidental, antes de definir o emirato como "líder en dereitos laborais", a pesar de que até 15.000 traballadores morreron durante as obras para o evento deportivo, cifra Amnistía Internacional.

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, declarou que a investigación xera "unha grande preocupación", ao tempo que os Ministerios de Exteriores da UE alertaron de que a credibilidade do bloque comunitario está en xogo. Así e todo, Kaili continúa sendo vicepresidenta do órgano malia que lle foron retiradas as competencias.

Comentarios