A Fiscalía Xeral israelí cre que Netanyahu tomou decisións “fóra da lei”

Afirma que o gabinete tomou algunhas decisións sen atender as regras de procedemento e sen presentalas aos ministros

Benjamin Netanyahu durante o seu discurso esta quinta feira (Foto: i24).
photo_camera Benjamin Netanyahu durante o seu discurso esta quinta feira (Foto: i24).

A Fiscalía Xeral de Israel estimou este domingo que o gabinete de guerra liderado polo primeiro ministro do Estado, Benjamin Netanyahu, podería ter tomado nas últimas semanas varias decisións sobre cuestións exclusivamente internas fóra dos procedementos legais estabelecidos no medio do asedio sobre a poboación de Gaza e pediu que se examine a situación.

Nunha carta remitida ao Executivo en nome da fiscal xeral do Estado, Gali Baharav-Miara, o seuadxunto, Gil Limon, afirma que o gabinete tomou algunhas decisións sen atender as regras de procedemento e sen presentalas aos ministros, o que podería implicar unha ruptura en firme do procedemento legal.

“Dun tempo a esta parte”, pon Limon como exemplo, “déronse varios casos onde foron incorporados engadidos substanciais a decisións xa adoptadas, ou incluso propostas completamente novas, que non foran presentadas aos ministros desde un comezo”.

Limon concreta o caso dunha xuntanza mantida esta semana sobre o plan do Goberno para “acelerar a industria inmobiliaria” na que o ministro de Finanzas, o ultra Bezalel Smotrich, presentou estes engadidos cando “o primeiro ministro e a maioría dos ministros xa aparcaran a discusión”, de acordo coa carta, dirixida ao secretario do gabinete, Yossi Shelli.

Por iso, estas decisións están sendo adoptadas “en ausencia dunha infraestrutura legal ou profesional vinculantes, ou a pesar de que se coñecía que existía un impedimento legal”, segundo a Fiscalía, que protagoniza así unha nova confrontación co Goberno que lidera Netanyahu, tras meses de tensións sobre a posíbel aplicación dunha polémica reforma xudicial instruída polo Exército, que os fiscais consideraban como un ataque á separación de poderes, entre outras cuestións.

“As decisións do Goberno teñen unhas consecuencias enormes para a xente a nivel económico, social e de seguridade, e por iso hai que garantir que son adoptadas seguindo o oportuno proceso. En ausencia de semellantes infraestruturas como as mencionadas, podería acabar ocorrendo o caso de que se están tomando decisións ilegais que danan o interese público”, segundo a misiva.

A Fiscalía, por último, “instrúe o Goberno a que reverta calquera decisión efectuada a través de camiños incorrectos” e volva discutilas “tras completar o traballo legal e profesional que requiren”.

Comentarios