A presión de Washington evita unha condena a Israel no Consello de Seguridade da ONU

A Unión Africana suspende Tel Aviv como observador tras a polémica da pasada fin de semana, en paralelo, os Estados Unidos lograron frear a condena a Israel nas Nacións Unidas por medio da presión a Israel e Palestina.
Soldados israelís en Palestina. (Foto: Nasser Ishtayeh / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Soldados israelís en Palestina. (Foto: Nasser Ishtayeh / Zuma Press / Contactophoto)

A segunda feira estaba previsto que o Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU) debatera a proposta dos Emiratos Árabes Unidos e Palestina para condenar Israel pola nova legalización de nove asentamentos de colonos israelís en territorio palestino, que así e todo están considerados ilegais pola propia ONU e o dereito internacional.

Porén, perante a forte presión dos Estados Unidos para non “eclipsar” a nivel diplomático o aniversario da invasión rusa en Ucraína co veto asegurado á proposta árabe, sostén AP, os Emiratos Árabes Unidos anunciaron horas antes da xuntanza que retiraron a proposta de resolución e votación, sinalaron medios internacionais.

Nese sentido, o Partido Republicano, que controla a Cámara de Representantes estadounidense, tería advertido ao presidente Joe Biden que un veto no Consello de Seguridade tería implicacións na axenda lexislativa. Ao tempo, tamén repercutiría nas eleccións presidenciais de 2024 polo apoio das bases demócratas á causa palestina, apuntan medios locais.

Pacto con Israel e Palestina

Asemade, fontes diplomáticas relataron que a retirada da proposta de resolución implicou un pacto coas autoridades palestinas e israelís para conxelar até agosto as accións unilaterais, que para Tel Aviv suporía frear a construción e legalización de novos asentamentos, algo que entra en contradición coas políticas postas en marcha polo novo Goberno de forzas de extrema dereita e ultra ortodoxas en Israel, que está a implantar mudanzas legais para someter ao Executivo e ao lexislativo as autoridades xudiciais.

Arredor desa cuestión, Al Jazeera afirma que Washington tería prometido a Palestina un paquete de axuda financeira, así como a suspensión das demolicións de vivendas palestinas. Pola contra, Axios traslada que o Executivo de Mahmud Abbas pactou “iniciar conversas para retomar a coordinación de seguridade con Israel”, suspendida en xaneiro, e en paralelo tería asinado non emprender novas accións contra Israel nos organismos internacionais

Finalmente, en substitución desta resolución, que de ser aprobada tería carácter vinculante, o Consello de Seguridade aprobou unha declaración simbólica na que traslada a súa "preocupación" polas políticas israelís.

Unión Africana

Ademais, a Unión Africana confirmou onte que suspendeu o estatuto de observador de Israel tras ser expulsada a embaixadora israelí da cimeira da entidade da pasada fin de semana. Amais, elévanse a 15 as persoas falecidas en Damasco por un bombardeo israelí nun barrio residencial da capital siria.

Comentarios