Turquía e Exipto escenifican a súa reconciliación para abordar a situación en Gaza

A agresión militar israelí a Palestina acelera a normalización das relacións entre Ancara e O Cairo, dispostos a abrir unha nova era cando se negocia na capital exipcia un acordo para un alto o fogo en Gaza, unha pausa nas hostilidades que é cada vez máis urxente para os Estados Unidos e os aliados de Israel.

Os presidentes de Exipto, Abdel Fattah al Sisi, e Turquía, Recep Tayyip Erdogan, hoxe no Cairo. (Foto: Presidencia de Turquía)
photo_camera Os presidentes de Exipto, Abdel Fattah al Sisi, e Turquía, Recep Tayyip Erdogan, hoxe no Cairo. (Foto: Presidencia de Turquía)

Logo de máis dunha década, o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, realizou hoxe unha visita oficial a Exipto, nunha mostra de reconciliación entre dous Estados enfrontados nese lapso, con múltiples intereses rexionais contrapostos, como no caso de Libia, onde apoian Gobernos diferentes, un ao de sede en Trípoli e o outro ao de Sirte.

Desde a ruptura que se produciu en 2013 co golpe de Estado no país africano, que levou ao poder o actual mandatario, Abdel Fattah al Sisi, farían falta case dez anos para o comezo da desconxelación das relacións que deu paso á designación de responsábeis diplomáticos entre ambos os dous en 2023 tras a difusión dunha imaxe entre Erdogan e al Sisi saudándose no Mundial de fútbol masculino que decorreu en Qatar a finais de 2022.

Nesta ocasión, o presidente exipcio recibiu no aeroporto do Cairo o seu homólogo turco. Os dous Executivos destacaron entre os temas a debate a agresión militar israelí ao territorio palestino da Faixa de Gaza, amais de “economía, comercio, turismo, enerxía e defensa”, trasladou Erdogan.

O certo é que a agresión militar israelí, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican como unha limpeza étnica e un xenocidio, ou a situación no mar Vermello, cos ataques do iemení movemento hutís dirixidos principalmente a buques relacionados con Israel, “estaos a impulsar a colaborar entre si con máis urxencia”, pormenoriza Saif Islam, asociado da empresa de análise de risco S-RM de Londres.

Con todo, aclara que é “pouco probábel” que “teña un impacto importante na operación militar israelí”, detallando que al Sisi pretendía conseguir o apoio turco, así como saudita, entre outros, para colaborar na mitigación da crise humanitaria masiva que o asedio, os bombardeos indiscriminados contra a poboación civil e o intento de invasión sionista causan en Gaza.

Sen saír do Cairo, unha fonte da organización palestina Hamás, que goberna en Gaza, confirmou á axencia AFP que unha delegación estaba en Exipto para asistir a nunha xuntanza con mediadores dese país e Qatar e abordar unha proposta de alto o fogo.

Un día antes, reuníronse por ese motivo o director da Axencia Central de Intelixencia (CIA) estadounidense, William Burns, o Mossad israelí, David Barnea, e representantes dos servizos de Intelixencia exipcios e qatarís, nunha cita que os medios locais e internacionais consideraron que tivo un resultado positivo.

As conversas trataron a redacción dun borrador de acordo que, segundo fontes da seguridade exipcia citadas pola axencia EFE, recollería un cesamento de hostilidades de seis semanas en paralelo ao comezo de negociacións para un alto o fogo permanente e do intercambio de persoas israelís detidas en Gaza por palestinas detidas en Israel.

Tamén aseguraron que as principais obxeccións proviñan da parte israelí, que cuestionou a cifra de persoas palestinas que Hamás exixe liberar, e clarificaron que malia os “avances aceptábeis” aínda “queda traballo para chegar a un acordo”.

De feito, medios israelís publicaron que Benjamin Netanyahu, primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, negouse a que unha delegación se desprazase á capital exipcia para asistir mañá a unha xuntanza, e a súa oficina informou de que non se someterán “ás delirantes demandas de Hamás”, reclamando un cambio nas exixencias palestinas.

A isto respondeu o Foro de Familias de Reféns israelís criticándoo por impor unha sentenza de morte ás 130 persoas detidas en Gaza, un cuarto das que se estima que faleceron, entre denuncias da resistencia palestina de que os bombardeos estaban a provocar a súa morte.

Incremento na presión estadounidense

Aínda que as obstrucións ás negociacións para un alto o fogo por parte de Netanyahu foron reiteradas, nunhas conversas instigadas por factores como a influencia nos comicios estadounidenses deste ano, con protestas en contra de “Xenocidio Joe”-en alusión ao presidente estadounidense Joe Biden- e a retirada das achegas de doantes de orixe árabe ou Estados de maioría musulmá á súa campaña, o illamento internacional de Israel e os seus aliados ou a falta de avances nos obxectivos proclamados polos sionistas, destruír Hamás e liberar as persoas israelís detidas.

Porén, o seu principal aliado e provedor de armas, Washington, está a chegar ao límite na súa defensa, como amosa a filtración da canle NBC duns comentarios de Biden acusando o primeiro ministro de “xerarlle un inferno”, referíndose a el como “imbécil” e subliñando que só quere que a agresión militar se estenda para manterse no poder.

Esta situación, sinala a revista Foreign Office, provocou a determinación de Biden de avanzar cara á creación dun Estado palestino, vinculada cun achegamento entre Israel e Arabia Saudita, e que “definiría o legado de política exterior” do mandatario cando de non ser reelixido lle quedaría menos dun ano de mandato. Nese contexto, “precisa” canto antes un acordo que free a agresión militar en Gaza, afirma Larry Haas, do Consello Estadounidense de Política Exterior.

Éire e España piden a UE reconsiderar os lazos con Israel

Os movementos no seo dos Estados Unidos ao respecto da agresión militar israelí tamén afectan á Unión Europea (UE) -a pesar de que ningún dos dous pediu sequera un alto o fogo-. O primeiro ministro irlandés, Leo Varadkar, e o presidente español, Pedro Sánchez, enviaron unha misiva á presidenta do Executivo comunitario, Ursula von der Leyen, para que estude se o acordo de asociación da UE con Israel se está a cumprir no referente aos principios democráticos e ao respecto dos dereitos humanos. De violarse o acordo, ínstana a tomar as medidas correspondentes.

Madrid enmarcou a carta como unha resposta ao “risco dunha catástrofe humanitaria aínda maior” polo anunciado asalto israelí contra Rafah, no sur de Gaza, que concentra máis da metade da poboación da Faixa, nunha ofensiva que rexeitaron até os aliados sionistas, o que non evita que Israel siga a bombardear a urbe, así como outros puntos do territorio.

Tamén lanzou unha vaga de ataques aéreos contra o Líbano, matando no mínimo catro persoas, entre elas dúas crianzas. Antes, a libanesa Hezbolá provocou a morte dun soldado no ataque a unha base militar israelí.

Máis de 28.500 palestinas e palestinos foron asasinados por Israel na Faixa de Gaza desde o pasado outubro.

Comentarios