Israel invade un hospital namentres se prepara para o asalto a Rafah

Francotiradores israelís matan 21 persoas fronte a un centro médico.
Área destruída polos ataques israelís en Gaza. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Área destruída polos ataques israelís en Gaza. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / ContactoPhoto)

O primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, indicou hoxe que emitiu unha orde para que o Exército desenvolva un plan co fin de efectuar unha “operación masiva” e asaltar Rafah, no sur de Gaza, como parte da agresión militar contra o territorio palestino, aseverando que tamén incluiría un programa para a evacuación dos civís.

Na urbe concéntranse máis da metade dos 2,3 millóns de habitantes da Faixa, que fuxiron dos seus fogares perante os bombardeos indiscriminados contra a poboación civil dos militares sionistas e o intento de invasión.

Como parte do aumento das intervencións gobernamentais criticando as accións israelís, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican como unha limpeza étnica e un xenocidio, o voceiro do Consello de Seguridade Nacional estadounidense, John Kirby, trasladou que “calquera operación militar de envergadura en Rafah neste momento e nestas circunstancias” constituiría un “desastre e non a apoiaríamos”.

A pesar desta clase de declaracións, Washington continúa a apoiar de forma xeral as accións israelís como o seu principal aliado e provedor de armas.

Bombardeos contra Rafah

En paralelo, as tropas sionistas incrementaron os bombardeos aéreos e os ataques de artillaría contra Rafah, que de ser atacada deixaría milleiros de mortes máis tanto pola violencia como pola falta de servizos esenciais, afirmou a directora executiva do Fondo da ONU para a Infancia (Unicef), Catherine Russell.

Ataques a hospitais

Asemade, após un asedio de 19 días, Israel asaltou o hospital al Amal en Khan Younis, situado ao norte de Rafah. Fronte outro centro médico do lugar, o Nasser, 21 persoas foron asasinadas por francotiradores sionistas.

Comentarios