Países empobrecidos instan a crear novos impostos globais na COP28 para financiar os danos da mudanza climática

Sultan al Jaber reitera que respecta a ciencia.
Mia Mottley (centro) hoxe. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mia Mottley (centro) hoxe. (Foto: Nós Diario)

O debate sobre o financiamento da loita contra o cambio climático foi o eixo central das discusións hoxe no marco da 28ª Conferencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) arredor do quecemento global, COP28, logo de aprobarse a estrutura dun fondo para sufragar os danos e perdas que a mudanza climática está a causar nos Estados máis vulnerábeis.

Así e todo, apenas se comprometeron na cimeira de Dubai, nos Emiratos Árabes Unidos, cuxo final está previsto para o 12 de decembro, 660 millóns de euros, cando a última estimación da ONU fixou en 2,2 billóns de euros anuais o que precisarán ao final desta década os países máis empobrecidos para efectuar a transición ecolóxica e responder a eventos climáticos extremos.

“Aínda non estamos onde precisamos estar”, defendeu a primeira ministra de Barbados, Mia Mottley, que se converteu nunha das principais voces dos Estados en vías de desenvolvemento no tocante ao financiamento climático, e que incidiu en que é preciso que o fondo conte nun comezo con 386.000 millóns de euros, unha cifra que se conseguiría cunha taxa de 0,1% aos servizos financeiros globais, explicou.

Asemade, fixo énfase en que, con 5% das ganancias das empresas petroleiras e de gas natural, achegaríanse 180.000 millóns de euros, e un imposto de 1% “sobre o valor do transporte marítimo” sumaría 65.000 millóns máis.

O ministro de Recursos Naturais e Medio Ambiente de Samoa, que tamén se desempeña como presidente da Alianza dos Pequenos Estados Insulares, Cedric Schuster, asegurou que o pobo samoano “quere ter a seguridade de que sobrevivirá”.

Pola súa parte, o presidente da COP28 e ministro de Industria emiratí, Sultan al Jaber, insistiu en que respecta a ciencia, após facerse pública unha intervención anterior ao comezo do cumio na que sostiña que a ciencia non avalaba o abandono dos combustíbeis fósiles para limitar a alza da temperatura.

Non obstante, a última actualización dun grupo de persoas expertas da ONU afirma que para limitar a 1,5ºC a suba é preciso que en 2030 as emisións globais provocadas pola queima de combustíbeis fósiles baixen 43% con respecto a 2019, alcanzando as cero emisións netas en 2050.

Afástase un acordo UE-Mercosur

Os líderes do Brasil e a Arxentina, Lula da Silva e Alberto Fernández respectivamente, responsabilizaron o proteccionismo da Unión Europea de que até o de agora non se producira un acordo para un tratado de libre comercio co Mercosur.

Comentarios