Ou humanidade ou combustíbeis fósiles, advirte a ONU na COP28

Aprobado un acordo para un fondo de danos.
Simon Stiell durante a COP27. (Foto: Christophe Gateau / DPA)
photo_camera Simon Stiell durante a COP27. (Foto: Christophe Gateau / DPA)

“Se non definimos a fase terminal da era dos combustíbeis fósiles tal e como a coñecemos, damos a benvida á nosa fase terminal, e eliximos pagar coa vida das persoas”, asegurou hoxe Simon Stiell, secretario executivo de Cambio Climático da Organización das Nacións Unidas (ONU), na cerimonia de apertura da 28ª Conferencia da ONU sobre a cuestión, COP28.

A pesar de que este ano se “romperon moitos récords aterradores” que están a custar “a vida e o sustento das persoas”, Stiell denunciou que apenas se dan “pasos de bebé” na loita contra o quecemento global, reiterando que se a transición ás enerxías renovábeis non é xusta non haberá “ningunha transición”.

En paralelo, a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) sostivo que é case seguro que 2023 será o ano máis caloroso rexistrado, e informou de que a temperatura promedio é de 1,4ºC por riba da era preindustrial.

Na COP21 de París, Francia, os Estados do mundo pactaran limitar a suba das temperaturas a 1,5ºC, posto que a partir deste límite se produce un incremento substancial dos efectos da mudanza climática, como máis secas, inundacións, incendios forestais, derretemento dos glaciares ou ondas de calor extrema.

Así e todo, Petteri Taalas, líder da OMM, afirmou que “é practicamente seguro que nos próximos catro anos alcanzaremos 1,5ºC, cando menos temporalmente”, e engadiu que “nos diriximos cara a unha suba de 2,5 a 3 graos, e iso significaría que veríamos impactos enormemente máis negativos”. “A redución do consumo de combustíbeis fósiles é a clave do éxito”, resolveu.

No primeiro día dunha cimeira que está previsto que remate o 12 de decembro, foi anunciado un acordo para a creación dun fondo de perdas e danos para compensar os Estados con menos ingresos afectados polo cambio das condicións climáticas.

A presión dos países con máis ingresos levou a que nun primeiro momento o Banco Mundial sexa o encargado da xestión do fondo, que estará financiado sobre todo por estes Estados, con achegas dos países emerxentes e produtores de combustíbeis fósiles.

Arredor da redución do uso de combustíbeis fósiles, un dos mecanismos chave son os créditos de carbono. Con todo, o sistema está en cuestión logo de transcender que Verra, a maior empresa mundial dun mercado de 1.800 millóns de euros, emitiu máis de 900 millóns de créditos falsos, que non correspondían a diminucións das emisións de carbono.

Comentarios