O quecemento global xa resta case 2% do PIB a nivel mundial, especialmente aos países con menos ingresos

40% do total das emisións directas no Estado español son responsabilidade de 50 grandes empresas.
Ahmed al Jaber. (Foto: John Ochieng / Sopa Images Via Zum / DPA)
photo_camera Ahmed al Jaber. (Foto: John Ochieng / Sopa Images Via Zum / DPA)

A Universidade de Delaware, nos Estados Unidos, difundiu hoxe un informe que aborda como o aumento global da temperatura está a afectar a economía, xusto antes do inicio a quinta feira da Conferencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) sobre o cambio climático, a COP28, en Dubai, nos Emiratos Árabes Unidos.

O documento desvela que en 2022 o quecemento global implicou unha redución de 1,8% no produto interior bruto (PIB) mundial.

Esta porcentaxe supón 1,37 billóns de euros menos que o PIB estimado sen suba da temperatura, unha caída concentrada no Sur Global. O sur de África perdeu 11,2% do seu PIB e o sueste asiático até 14,1%. Mentres os Estados Unidos ficaron practicamente igual os Estados de menos ingresos sumaron caídas equivalentes a 10% do seu PIB.

"Ciclo mortal"

“Estamos atrapados nun ciclo mortal”, alertou o secretario xeral da ONU, António Guterres, que reclamou ás e aos líderes mundiais “rachar este ciclo” na COP28, na que se prevé que o debate xire principalmente arredor da implementación dun fondo de danos para sufragar os efectos do cambio climático nos países menos desenvoltos e que están a sufrir máis intensamente os seus efectos a pesar das limitadas emisións de gases de efecto invernadoiro que se lles poden atribuír.

No caso do Estado español, 40% do total das emisións directas son responsabilidade de 50 grandes empresas, sinala un informe de Oxfam Intermón. Amais, 60% destas compañías aumentaron os seus niveis de emisións en 2022, nun texto que corrobora que a meirande parte das grandes empresas non está comprometida coa loita contra o quecemento global.

No que atinxe á COP28, a canle BBC acusou os Emiratos Árabes Unidos de programar a sinatura durante a cimeira de acordos relacionados con petróleo e gas con no mínimo 15 Estados. A compañía petroleira estatal, Adnoc, mencionada en varios documentos, está dirixida polo sultán Ahmed Al Jaber, que, ao tempo, desempéñase como ministro de Industria e Tecnoloxía Avanzada e será o presidente do cumio.

A reunión internacional prodúcese no último treito do que con moitas posibilidades será o ano máis quente xamais rexistrado, logo de superarse múltiples marcas de temperatura atmosférica e mariña.

Porén, un traballo da Universidade de Xenebra, en Suíza, apunta que un terzo das 7.000 persoas enquisadas para o estudo dubidaban da orixe humana do cambio climático e da súa relación coas ondas de calor extrema ou a alza no nivel do mar.

Comentarios