A COP28 comeza co fondo de danos polo cambio climático no centro do debate

Abordarase un incremento das enerxías renovábeis
Expo City de Dubai. (Foto: Oficina de Prensa de Dubai)
photo_camera Expo City de Dubai. (Foto: Oficina de Prensa de Dubai)

A Expo City de Dubai, nos Emiratos Árabes Unidos, acollerá desde esta quinta feira a 28ª Conferencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) sobre o Cambio Climático, COP28, cuxo final está previsto o 12 de decembro, nunha edición que estará centrada na implementación dun fondo de perdas e danos polos efectos da mudanza climática nos países de menos ingresos e vulnerábeis ao quecemento global, uns Estados que polo xeral son dos que menos emisións de gases de efecto invernadoiro efectuaron a pesar de sufrir as peores consecuencias do aumento da temperatura.

A creación deste fondo foi un dos principais éxitos na COP27, que decorreu o pasado ano en Exipto, tras a presión dos países do Sur Global, mais que fica pendente de concretar no tocante ao total de recursos económicos cos que contará e quen os proverá.

Máis alá dos tres principais contaminadores na actualidade, a China, os Estados Unidos e a Unión Europea, foron os países occidentais os responsábeis de boa parte das emisións históricas que levaron a esta situación, provocada polo uso de combustíbeis fósiles.

Tamén se abordará como estruturar o fondo. Malia que a xestión provisoria foi asumida polo Banco Mundial, o Sur Global defende que debe tratarse dun organismo independente e non da entidade financeira, que prefire conceder préstamos e non outorgar axudas.

Incremento do financiamento

A última análise do grupo de persoas expertas da ONU no ámbito do financiamento climático sostén que os países en desenvolvemento terán que gastar 2,2 billóns de euros anuais a finais desta década para combater os efectos da mudanza climática e promover a transición á enerxía de fontes renovábeis, un gasto que se elevará a medida que o faga a temperatura.

Para chegar a este nivel, o financiamento privado internacional ten que multiplicarse por 15, estima. A pesar deste obxectivo, os países con máis ingresos nunca chegaron a cumprir co compromiso de achegar 90.000 millóns de euros anuais para que os países máis vulnerábeis tiveran acceso a financiamento para frear os efectos do cambio climático, o que se suma a distintos incumprimentos dos pactos de anteriores cimeiras, o que fai moi difícil limitar a alza da temperatura global a 1,5ºC en relación aos niveis preindustriais, como se asinou na COP21.

No marco do debate para reducir o consumo de combustíbeis fósiles, un sector que o pasado ano recibiu 6,5 billóns de euros en fondos públicos, agárdase que se discuta un acordo para triplicar a produción de enerxía renovábel até 2030.

Comentarios