O presidente da COP28 non cre na eficacia de eliminar os combustíbeis fósiles

Al Yaber defendeu unhas semanas antes do cumio do clima, que a progresiva eliminación dos combustíbeis fósiles "levará o mundo de volta ás covas".
Ahmed al Jaber. (Foto: John Ochieng / Sopa Images Via Zum / DPA)
photo_camera Ahmed al Jaber. (Foto: John Ochieng / Sopa Images Via Zum / DPA)

O presidente da Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático de 2023, COP28, Sultan al Jaber, afirmou que non hai estudos científicos que demostren que sexa necesario acabar co uso de combustibles fósiles para limitar o quecemento global e defendeu que se o fixemos, volveriamos "ás covas".

Al Yaber é, ademais, presidente executivo da empresa petroleira de Emiratos Árabes Unidos Adnoc, polo que ten sido criticado por conflito de intereses. Máis dun centenar de países manifestaron o seu apoio á eliminación gradual dos combustíbeis de orixe fósil.

Para Al Jaber, "non hai ciencia" que demostre a eficacia de acabar cos combustíbeis fósiles. "Por favor, axúdeme, móstreme o camiño cara a unha eliminación progresiva dos combustíbeis fósiles que permita un desenvolvemento socioeconómico sustentábel, a non ser que queira levar o mundo de volta ás covas", dixo o CEO da petroleira nun acto celebrado o pasado 21 de novembro no que discutiu con Mary Robinson, presidenta do grupo The Elders, unha organización que reúne expertos no cambio climático

 

Na semana pasada, o Center for Climate Reporting tamén revelou, nunha publicación conxunta coa BBC, que o presidente da COP28 tiña previsto utilizar as negociacións do cumio para negociar algúns novos acordos de explotación de gas. Al Jaber xa negou estas acusacións e a presidencia da COP28 respondeu que a análise dos documentos é "inexacta". 

Aínda así, tras a revelación, Hilda Heine, membro do consello consultivo principal da COP28, e ex presidenta das Illas Marshall -un dos arquipélagos máis vulnerábeis ás consecuencias do cambio climático- presentou a súa dimisión. Heine explicitaba na súa carta de renuncia, feita pública pola axencia Reuters, que as noticias de que os Emiratos Árabes Unidos planeaban discutir posibles acordos comerciais sobre gas natural antes das conversas sobre o clima da ONU eran "profundamente decepcionantes" e ameazaban con minar a credibilidade do proceso de negociación multilateral.

O secretario xeral da ONU, António Guterres, declarou ao día seguinte que "a ciencia é clara: o límite dos 1,5º C só é posíbel se deixamos de queimar combustíbeis fósiles. Non vale con reducilos, non vale con diminuílos. Hai que eliminalos gradualmente cun calendario claro". 

 

Desde distintas organizacións criticaron as palabras de Al Yaber por ir en contra das posicións pactadas. Bill Hare, presidente executivo de Climate Analytics, indicou que se trata dunha conversa "reveladora e preocupante", subliñando que o texto volver ás cavernas "bordea o negacionismo do cambio climático".

Por outra parte, as críticas ao desenvolvemento da COP28 en Dubai non veñen só de parte de ecoloxistas. Fatih Birol, director executivo da Axencia Internacional da Enerxía (AIE), cuestionou o compromiso das empresas petroleiras coa transición enerxética. Só o 1% dos 1,8 billóns de dólares que se investirán en enerxías renovábeis en 2023 virán de compañías de combustíbeis fósiles, destacou un recente informe da AIE.

Comentarios