O Sur Global exixe na COP28 actuar xa contra a mudanza climática

A ONU sostén que "non é demasiado tarde".
António Guterres, hoxe. (Foto: Chris Jackson / PA Wire / DPA)
photo_camera António Guterres, hoxe. (Foto: Chris Jackson / PA Wire / DPA)

“O planeta está cansado de acordos climáticos que non se cumpriron”, e farto de “discursos elocuentes e baleiros”, proclamou hoxe o presidente brasileiro, Lula da Silva, durante a súa intervención na 28ª Conferencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) sobre o Cambio Climático, COP28, que decorre ate o 12 de decembro en Dubai, nos Emiratos Árabes Unidos.

O mandatario incidiu en que “precisamos de actitudes e prácticas concretas”, nunha intervención na que criticou os países que “se lucran coa guerra” e subliñou que se inviste a nivel mundial moito máis en armamento que na loita contra o quecemento global, unha “cantidade que podería investirse no combate contra a fame e a mudanza climática”.

Até 170 xefas e xefes de Estado e de Goberno desprazáronse até Dubai para participar na cimeira hoxe e mañá. Varios discursos, como o do presidente de Kenya, William Ruto, sumáronse ao chamamento do presidente brasileiro, cualificando a alza da temperatura como a “cuestión que definirá a nosa era”.

Pola súa parte, o líder cubano, Miguel Díaz-Canel, asegurou que os fondos para adaptación e mitigación son insuficientes, e demandou que “se apoie con medios as accións” do Sur Global, acusando os países máis desenvoltos de “incentivar a extracción” de combustíbeis fósiles ao tempo que incumpren os seus compromisos climáticos.

O secretario xeral da ONU, António Guterres, defendeu que “non é demasiado tarde e se pode evitar o colapso planetario”, mais iso require que “deixemos de queimar combustíbeis fósiles” de forma progresiva e cun calendario claro, amais de triplicar a capacidade de produción de fontes enerxéticas renovábeis e duplicar a eficiencia enerxética.

“Non podemos salvar un planeta ardendo cunha mangueira de combustíbeis fósiles”, resolveu, explicando que “estamos a quilómetros” do obxectivo de limitar a 1,5ºC a suba global da temperatura en relación á época preindustrial como se acordou na COP21 de París, todo isto cando se producen “emisións récord, incendios feroces, secas mortais e o ano máis caloroso da historia”.

Pacto a favor da agricultura sostíbel

Ademais, 134 Estados asinaron unha declaración sobre agricultura sostíbel, que recolle un pacto para incluír a alimentación e a agricultura dentro dos plans estatais para frear o cambio climático, algo que se ten que facer efectivo antes da COP30.

Comentarios