Dimite o primeiro ministro de Irlanda e a oposición reclama eleccións

Os seguintes comicios xerais están previstos no inicio de 2025.

O primeiro ministro irlandés, Leo Varadkar, a cuarta feira ao anunciar a súa dimisión. (Foto: Nick Bradshaw / PA Wire / DPA)
photo_camera O primeiro ministro irlandés, Leo Varadkar, esta cuarta feira ao anunciar a súa dimisión. (Foto: Nick Bradshaw / PA Wire / DPA)

Leo Varadkar, primeiro ministro irlandés e líder do Fine Gael, presentou a cuarta feira a súa renuncia a ambos os dous cargos, anunciando que se manterá á fronte do Goberno até que o lexislativo elixa outra persoa no posto, o que se prevé aconteza en abril tendo en conta que Varadkar emprazou a formación conservadora a elixir a comezos dese mes un novo liderado.

Na alocución na que comunicou a decisión, explicou que as razóns da dimisión son “persoais e políticas, pero principalmente políticas”, logo de fracasar o referendo impulsado polo Gabinete que comparten Fine Gael, o tamén conservador Fianna Fáil e o progresista Partido Verde en marzo, e que buscaba eliminar referencias sexistas da Constitución e actualizar a noción de familia.

Varadkar, que puxo de manifesto que “xa non son a mellor persoa para este traballo”, desempeñouse como primeiro ministro nunha primeira etapa entre 2017 e 2020, e logo nunha segunda a partir de 2022.

Peticións de novas eleccións

Forzas progresistas, como o nacionalista Sinn Féin, Socialdemócratas ou O pobo antes que o lucro-Solidariedade, demandaron a convocatoria de eleccións xerais. Ao tempo, a conservadora Unidade salientou que “esta non é maneira de gobernar un país”, indicando que “non podemos permitir que un primeiro ministro que foi rexeitado polo pobo sexa substituído por un primeiro ministro non elixido”.

As peticións recibiron o rexeitamento do aínda líder do Executivo, que fixo énfase en que o primeiro ministro é elixido polo Parlamento e a Cámara polo pobo.

Despois de que os anteriores comicios, os de 2020, xa foran unha convocatoria adiantada, as seguintes votacións terían que desenvolverse a comezos do vindeiro ano.

Comentarios