Os estados español e irlandés piden á UE revisar os acordos con Israel

Ambos os dous gobernos lembran que accións de Israel en Gaza poden recaer no ámbito do Convención sobre o xenocidio.

comisión europea
photo_camera Sede da Comisión Europea en Bruxelas. (Foto: UE)

Movementos no seo da UE catro meses despois do inicio da actual agresión israelí a Gaza e cando o número de vítimas xa soborda as 28.000, a inmensa maioría delas menores de idade e mulleres.

Os gobernos español e irlandés veñen de denunciar a "crítica situación en Rafah" após os ataques de Israel no sur de Gaza no contexto da invasión que Isarel fai da faixa desde inicios de outubro do ano pasado.

O presidente español, Pedro Sánchez, e o taosieach (primeiro ministro) irlandés, Leo Varadkar, enviaron unha carta á presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, para que a entidade comunitaria estude as "posíbeis violacións dos dereitos humanos" no conflito. A Comisión xa recibiu a misiva e estaa estudando, segundo trasladan fontes do organismo.

"Pedimos que a Comisión emprenda unha avaliación urxente de se Israel está a cumprir coas súas obrigas, incluídas as derivadas do Acordo de Asociación UE/Israel, que fai do respecto dos dereitos humanos e os principios democráticos un elemento esencial da relación", reflíctese na carta, que foi feito pública esta cuarta feira.

A misiva chega ante a "ameaza inminente de operacións militares israelís en Rafah e tendo en conta o que ocorreu en Gaza, incluída a preocupación xeneralizada polas infraccións do Dereito Internacional Humanitario por parte de Israel".

A carta chega dous días despois de que o primeiro ministro hebreo, Benjamin Netanyahu, iniciase a súa prometida ofensiva sobre o sur de Gaza, onde obrigou a exiliarse a máis dun millón gazatíes que vivían noutras zonas da Faixa.

As forzas israelís tamén levaron a cabo diversos bombardeos ao longo da zona sur de Gaza, un enclave que actualmente conta cunha poboación acumulada de 1,4 millóns de persoas, cinco veces maior ás 280.000 asentadas neste lugar antes do 7 de outubro.

Comentarios