A oposición polaca asina un acordo para botar a ultradereita do Goberno logo de oito anos

O conservador Donald Tusk volverá ocupar o posto de primeiro ministro.
Donald Tusk a finais de outubro. (Attila Husejnow / SOPA Images via / DPA)
photo_camera Donald Tusk a finais de outubro. (Attila Husejnow / SOPA Images via / DPA)

A conservadora Plataforma Cívica rubricou hoxe coa tamén conservadora Terceira Vía e Nova Esquerda un acordo para investir Donald Tusk, da primeira formación, como primeiro ministro, pondo fin ao Goberno da extrema dereita de Lei e Xustiza, que dirixiu Polonia os últimos oito anos.

Tusk, que xa foi primeiro ministro entre 2007 e 2014, ano no que foi nomeado presidente do Consello Europeo, salientou que o acordo nace da “responsabilidade” co país. O pacto inclúe reverter a reforma do sistema xudicial polaco, que foi copado por persoas afíns á extrema dereita, e que bloqueou a entrega de máis de 35.000 millóns de euros a Varsovia por parte da Unión Europea.

Primeiro, o intento de investidura de Morawiecki

Así e todo, Tusk deberá agardar para ser investido ao fracaso de Mateusz Morawiecki, de Lei e Xustiza, na súa tentativa de investidura, logo de ser designado candidato perante o lexislativo polo presidente Andrezj Duda, tamén vinculado coa ultradereita.

Nos comicios do pasado 15 de outubro, a coalición encabezada por Lei e Xustiza, Dereita Unida, obtivo a primeira praza mais perdeu a súa maioría absoluta, acumulando 194 dos 460 escanos da Cámara Baixa, amais, a outra formación susceptíbel de formar unha alianza co grupo, Confederación, tamén de extrema dereita, non superou os 18 asentos.

En segunda posición ficou Plataforma Cívica, con 157 postos, seguida de Terceira Vía, con 65, e Nova Esquerda, con 26, nunha maioría que tamén extrapolaron ao Senado.

Referendos inválidos

En paralelo ás votacións, decorreron catro referendos impulsados pola extrema dereita que non foron válidos ao non chegar a 50% de participación.

Comentarios