Polonia

A extrema dereita polaca, perto de perder o Goberno fronte á dereita de Tusk

Con máis de 70% dos sufraxios recontados, Dereita Unida, a candidatura liderada pola Lei e Xustiza de Mateusz Morawiecki, ficaría con 37% dos apoios, e Confederación apenas supera 7%.
O primeiro ministro polaco, Mateusz Morawiecki, do ultradereitista Lei e Xustiza, nun acto recente de campaña. (Foto: Krzysztof Zatycki / Zuma Press Wir / DPA)
photo_camera O primeiro ministro polaco, Mateusz Morawiecki, do ultradereitista Lei e Xustiza, nun acto recente de campaña. (Foto: Krzysztof Zatycki / Zuma Press Wir / DPA)

Os resultados do reconto divulgados esta segunda feira das eleccións parlamentarias do pasado domingo en Polonia revelaron que a extrema dereita de Lei e Xustiza está perto de perder a maioría que precisa para manterse no poder, posto que á baixada dos seus votos se uniron uns resultados por baixo do que amosaban as enquisas de Confederación, a outra forza de extrema dereita coa que podería conformar unha coalición de Goberno.

Con máis de 70% dos sufraxios recontados, Dereita Unida, a candidatura liderada pola Lei e Xustiza de Mateusz Morawiecki, ficaría con 37% dos apoios, e Confederación apenas supera 7%. Do outro lado, a conservadora Plataforma Cívica de Donald Tusk ascende a case 29% dos votos, o que abriría a porta a que encabezara un Executivo xunto a Terceira Vía e Nova Esquerda, que acadarían 14% e 8% respectivamente.

Así e todo, os resultados das zonas rurais, os últimos en ingresar no sistema de reconto, adoitan favorecer a extrema dereita, polo que non se descarta incluso unha repetición electoral no caso de que ningún bloque se faga cunha maioría clara para gobernar.

Esta terza feira poderían coñecerse os resultados definitivos, polo que o presidente de Polonia, Andrezj Duda, pediu "calma" até entón. Si quixo remarcar, porén, a "xigantesca" taxa de participación, que a falta de completar o reconto superará o 70% e podería ser a maior da historia recente.

Duda será o encargado de designar un candidato á investidura e, previsibelmente, delegará no actual primeiro ministro, Morawiecki, se ben o ex dirixente polaco e presidente do Consello Europeo entre 2014 e 2019 Donald Tusk sería quen tería máis opcións de gobernar con base no taboleiro político actual no país.

As eleccións decorreron, segundo o comité de observadores internacionais da OSCE e a Unión Europea, nun contexto "complexo" e "polarizado", o que quedou de manifesto nunha campaña "dominada polo ton de enfrontamento, cun uso recorrente de retórica incendiaria e ataques persoais contra os líderes dos principais partidos", así como cun "nesgo" a favor do oficialismo.

Comentarios