Varsovia di que o mísil que alcanzou Polonia no ano 2022 era de Ucraína

O proxectil deixou dúas persoas falecidas na altura.
Despregue de seguridade en Przewodów (Polonia), en 2022 (Foto: Jacek Szydlowski Forum / Zuma Press / Contacto).
photo_camera Despregue de seguridade en Przewodów (Polonia), en 2022 (Foto: Jacek Szydlowski Forum / Zuma Press / Contacto).

Segundo declarou esta quinta feira o fiscal xeral de Polonia, Zbigniew Ziobro, o mísil que caeu en novembro de 2022 na localidade fronteiriza con Ucraína de Przewodów, na provincia de Lublin, causando dúas mortes, procedía das forzas de Kiív.

"A investigación levada a cabo polos fiscais polacos chegou á conclusión de que este era un mísil ucraíno", dixo Ziobro. Anteriormente, o diario local Rzeczpospolita informou de que fora lanzado por un sistema antiaéreo S-300 ucraíno.

O portavoz da Fiscalía, Lukasz Lapczynski, declarou ao xornal que os analistas xa prepararon unha conclusión sobre o impacto do mísil, aínda que non se revelou o seu contido ao tratarse dunha pescuda confidencial.

O diario tamén indicou que os responsábeis da investigación están seguros de que o mísil non era ruso, porque o alcance destes proxectís é de 75 a 90 quilómetros. Naquel momento as forzas rusas atopábanse a unha distancia desde a que non podían alcanzar o territorio polaco cun mísil deste tipo. Así mesmo, desestimaron a versión de que puidese ser disparado polas forzas rusas desde o territorio do Estado bielorruso.

Visita da OTAN a Kiív

O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, reiterou esta quinta feira desde Kíiv o apoio da alianza ao presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, en plena contraofensiva do Exército no leste e no sur do Estado para repeler as tropas rusas, insistindo en que o final da guerra pasa por fortalecer Ucraína no campo de batalla.

Tras reunirse con Zelenski, o líder da OTAN asegurou que as forzas ucraínas están "gradualmente gañando terreo" a pesar de enfrontarse en "combates encarnizados" co exército ruso. 

Stoltenberg viaxou por sorpresa a Ucraína, na súa segunda visita a este Estado desde a invasión de Rusia, en febreiro de 2022, e afirmou que a OTAN apoiará Ucraína "o tempo que faga falta". Pola súa parte, Zelenski volveu demandar máis sistemas antiaéreos a só dúas semanas de que se reúnan os ministros de Defensa da OTAN.
 

Comentarios