A UE cede ante Hungría e Polonia e esquiva mencionar a migración na Declaración de Granada

Ursula Von der Leyen defende que a Unión Europea sexa "firme" cos procesos de deportación.
Os líderes da UE, esta sexta feira tras a cimeira comunitaria en Granada (Foto: Europa Press / Contacto / Chigi Palace Press Office / F).
photo_camera Os líderes da UE, esta sexta feira tras a cimeira comunitaria en Granada (Foto: Europa Press / Contacto / Chigi Palace Press Office / F).

Os líderes da Unión Europea (UE) renunciaron, tras frear o texto Polonia e Hungría durante horas, a mencionar de forma expresa a política migratoria na declaración conxunta tras o cumio que decorreu en Granada.

Varsovia e Budapest defenderon que as decisións sobre migración e asilo debe tomarse por unanimidade no canto de por maioría cualificada, o que outorgaría poder de veto a estes Estados nas negociacións.

Antes, o primeiro ministro húngaro, Viktor Orbán, afirmou que o pacto migratorio que agora mesmo negocia a UE implica "violar" con leis e políticas a Estados como Hungría e Polonia. Pola súa parte, o primeiro ministro polaco, Mateusz Morawiecki, subliñou que se manterá forte fronte aos "ditados" de Bruxelas para abrir a porta á "inmigración ilegal masiva".

Ademais, a primeira ministra de Italia, Giorgia Meloni, e o do Reino Unido, Rishi Sunak, mostraron orgullo de que a súa recente alianza sobre temas migratorios xa estea "a dar resultados", xa que segundo afirmaron, obrigou a "cambiar o paso" no debate aberto a nivel europeo até o punto de que outros Estados "están recoñecendo que o enfoque actual non funciona". 

Migrantes "non elixíbeis"

Neste contexto, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, avogou por ser "firmes" cos procesos de deportación. Así, defendeu que a UE debe ter firmeza cos "retornos" de aquelas persoas migrantes "que non son elixíbeis" para recibir protección internacional. 

"Unha cousa debe quedar moi clara, temos obrigas internacionais que imos cumprir, cumprímolas no pasado e farémolo agora, mais nós como europeos decidiremos quen vén a Europa e baixo que circunstancias, e non as mafias nin traficantes", sentenciou Von der Leyen.

En paralelo a esta argumentación, o Alto Representante da UE para Política Exterior, Josep Borrell, propuxo "apoiar o control das fronteiras non só no Mediterráneo, senón tamén ao sur, no Sahel", para "loitar contra o tráfico de persoas".

Comentarios