A corrupción na entrega de visados golpea o Goberno ultradereitista polaco

Investigado o ex viceministro de Asuntos Exteriores de Polonia.
Piotr Wawrzyk, ministro de Exteriores de Polonia. (Foto: Łukasz Blasikiewicz via Europa Press)
photo_camera Piotr Wawrzyk, ex viceministro de Exteriores de Polonia. (Foto: Łukasz Blasikiewicz via Europa Press)

O ex viceministro de Asuntos Exteriores de Polonia, Piotr Wawrzyk, está sendo investigado xunto á súa contorna por corrupción despois de destaparse un escándalo no sistema de concesión de visados do país, gobernado pola extrema dereita de Lei e Xustiza, sinalaron esta quinta feira medios internacionais.

Wawrzyk e os seus colaboradores desenvolveron un sistema polo que “se enviaban listas de persoas concretas a consulados e embaixadas polacas en Asia e África, e supostamente estas persoas obtiñan visados”, explica o portal ONET, que o definiu como “ruta de contrabando” e fixo fincapé no descubrimento de múltiples visados para o espazo Schengen.

A súa investigación amosou como o propio Wawrzyk xestionou con diplomáticos polacos na India os visados para persoas que terían pagado entre 23.000 e 37.000 euros polos seus visados coa escusa de gravar un filme en Polonia, algo que se demostrou falso.

O ex viceministro foi despedido sen explicacións públicas o 1 de setembro, ao transcender o escándalo, que xa levou a unha decena de arrestos. Até o Executivo admite os feitos, mais defende que só se tratou de centos de visados, mentres a oposición estima que abarcaría até centos de milleiros, nunha situación que está marcando a campaña electoral para as lexislativas do 15 de outubro, sobre todo porque a loita contra a migración a Varsovia de persoas de África e Asia é un dos eixos das políticas gobernamentais.

Pola súa parte, a comisaria de Asuntos Internos da Unión Europea, Ylva Johansson, remitiu unha misiva a Polonia na que reclama explicacións por unha posíbel violación da lexislación do bloque comunitario.

Comentarios