O Parlamento polaco dá luz verde ao referendo da extrema dereita

Nova extensión da prisión provisoria ao xornalista vasco Pablo González, que leva preso hai case un ano e medio sen xuízo en Polonia.
Andrzej Duda, presidente de Polonia. (Foto: Damian Burzykowski / Europa Press / Contacto)
photo_camera Andrzej Duda, presidente de Polonia. (Foto: Damian Burzykowski / Europa Press / Contacto)

O Parlamento de Polonia aprobou a quinta feira a moción presentada por Lei e Xustiza, a forza de extrema dereita que goberna o país, para desenvolver un referendo con catro preguntas de forma paralela ás eleccións lexislativas do 15 de outubro.

Após a decisión da Cámara Baixa, a proposta será definida por unha comisión lexislativa, que outorgará a aprobación definitiva á consulta sobre a permanencia do muro na fronteira con Belarús, a aplicación dos acordos de asilo da Unión Europea (UE) ás persoas de Asia Occidental e África, o atraso da idade de xubilación e a privatización de empresas públicas.

O referendo, proposto pola formación a medida que as enquisas reducían a súa intención de voto, foi criticado pola conservadora Plataforma Cívica, que encabeza Donald Tusk, que acusou o Executivo de facer campaña con fondos estatais e usar a consulta para mobilizar o seu electorado.

Asemade, a Xustiza do Estado membro da UE prolongou por sexta vez a prisión provisoria ao xornalista vasco Pablo González, que leva case un ano e medio preso sen xuízo desde a súa detención o 28 de febreiro de 2022, cando cubría desde Polonia a crise humanitaria xerada após a invasión rusa de Ucraína.

Malia que González foi acusado de espionaxe a favor de Rusia, as autoridades polacas non ofreceron probas da inculpación, e negáronse até o de agora a marcar unha data para o xuízo.

Oihana Goiriena, parella do xornalista, denunciou que o Executivo español apoia o Goberno polaco nesta cuestión, así como que só se lle permitiu visitar a González dúas veces, quen se atopa arrestado nunha cela sen ventilación nin luz natural, nunhas condicións que Amnistía Internacional considerou equivalentes “a un trato inhumano”.

Ao tempo, define como “dolorosa” a dobre vara de medir do Estado español, que a diferenza do caso de González, reclamou a liberación do xornalista estadounidense Evan Gershkovich, detido en Rusia cunha acusación similar. “Polo que realmente o teñen en prisión é porque o consideran un divulgador de noticias favorábeis a Rusia, calquera que coñeza o seu traballo pode dar fe de que iso non é así”, apunta Goiriena.

O xornalista foi acusado de “prorruso” por Ucraína semanas antes da invasión, polo que foi instado por Kíiv a abandonar o país, en base a ter traballado co xornal en éuscaro Gara. Isto motivou que axentes do Centro Nacional de Intelixencia español entrevistaran a súa familia e persoas achegadas para confirmar as acusacións.

Comentarios