A ONU critica o plan británico para enviar persoas migrantes a Ruanda

A Xustiza de Londres analiza o recurso de Assange.
Volker Türk (ONU). (Foto: Tomas Tkacik / Europa Press / Contacto)
photo_camera Volker Türk (ONU). (Foto: Tomas Tkacik / Europa Press / Contacto)

“Os efectos combinados deste proxecto de lei, que pretende evitar que a acción do Goberno se someta ao exame xurídico habitual, van directamente en contra dos principios fundamentais dos dereitos humanos”, asegurou hoxe Volker Türk, Alto Comisionado da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os Dereitos Humanos, en referencia á proposición de lei no Reino Unido para validar que se considere Ruanda como un país seguro para enviar persoas solicitantes de asilo, como pretende o gobernante Partido Conservador.

Esta norma foi impulsada após resolver a Xustiza británica que o Estado africano non podía ser considerado un lugar seguro para enviar as persoas migrantes, no marco das políticas para obstaculizar as migracións deseñadas polo primeiro ministro Rishi Sunak.

A pasada semana, unha comisión parlamentaria concluíu que a proposta lexislativa é “incompatíbel” coas obrigas contraídas por Londres en materia de dereitos humanos. Türk instou o Executivo de Sunak a tomar “todas as medidas necesarias para garantir o pleno cumprimento” das súas obrigas xurídicas internacionais, algo “máis vital que nunca”, incidiu.

Extradición de Assange

Arredor precisamente dos dereitos humanos, e tras as advertencias de sucesivas responsábeis da relatoría especial da ONU contra a tortura ao respecto, a partir de mañá a Corte Superior de Xustiza británica analizará o recurso da defensa de Julian Assange, fundador de WikiLeaks, para intentar evitar a súa extradición aos Estados Unidos.

A súa parella, Stella Assange, subliñou que “este caso determinará se vive ou morre”, despois de sufrir unha persecución que a ONU asimila coa tortura, e que o deixou extremadamente débil tanto a nivel físico como mental logo de restrinxirse ao mínimo o réxime de visitas.

Washington exixe a súa extradición por desvelar a organización xornalística crimes de guerra dos seus soldados en Afganistán e no Iraq. Assange foi detido no marco dunha conspiración coa participación da Xustiza sueca para imputarlle cargos falsos de violación.

Esta é a última apelación posíbel no Reino Unido, o que permitiría ao Gabinete extraditalo en calquera momento de ser rexeitada. En última instancia, só restaría o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, con sede en Estrasburgo, Francia. Non obstante, o Reino Unido ameazou en distintas ocasións con abandonar a xurisdición desta corte ante sentenzas contrarias aos seus intereses.

Comentarios