O Supremo británico considera ilegal o plan para enviar solicitantes de asilo a Ruanda

Sunak defende que enviar solicitantes de asilo a un terceiro país é legal.
A daquela ministra de Interior británica, Suella Braverman, co presidente de Ruanda, Paul Kagame, en marzo deste ano. (Foto: Stefan Rousseau / Pa Wire / DPA)
photo_camera A daquela ministra de Interior británica, Suella Braverman, co presidente de Ruanda, Paul Kagame, en marzo deste ano. (Foto: Stefan Rousseau / Pa Wire / DPA)

Un dos principais eixos da estratexia migratoria do Partido Conservador británico, liderado polo primeiro ministro Rishi Sunak, foi desbotado hoxe pola Corte Suprema, que sentenciou como ilegal o programa para enviar persoas solicitantes de asilo no Reino Unido a Ruanda, país no que ficarían no caso de que a súa solicitude resultase aprobada.

Por unanimidade, o tribunal declarou que as persoas migrantes terían “risco real de sufrir malos tratos” ao poder ser expulsados desde Ruanda aos países dos que fuxiran, unha práctica común no Estado africano, así como que non se podía confiar en que os seus dereitos humanos fosen respectados, baseándose en múltiples casos de tortura e desaparicións forzosas no territorio ruandés.

Tamén incidiu en que até 100% das solicitudes de asilo na propia Ruanda procedentes de persoas de países como Siria, o Iemen ou Afganistán foron rexeitadas, e fixo fincapé en que as forzas de seguridade do Reino Unido tiveron que advertir a persoas ruandesas asentadas en Londres de plans para matalos por parte do Goberno ruandés.

Un voo freado no último minuto

O Reino Unido pagou máis de 160 millóns de euros a Ruanda para que acollese aos seus solicitantes de asilo, porén, ningunha persoa chegou a ser expulsada alí tras deter no último momento o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos o primeiro voo en 2022.

Sunak admitiu que “non era o resultado que queríamos” e subliñou que en todo caso o veredicto confirma que a súa intención de enviar persoas migrantes a un terceiro país "seguro" é legal.

A estratexia da UE

A externalización da xestión migratoria está a ser impulsada tamén en varios países da Unión Europea como Italia, que asinou un acordo para enviar persoas solicitantes de asilo a Albania.

Comentarios