A avogada de Assange teme pola súa vida se é extraditado aos EUA

En febreiro resolverase a última apelación contra a extradición de Julian Assange.
Deseño proxectado en Londres en apoio ao xornalista Julian Assange. (Foto: Victoria Jones / PA Wire / dpa)
photo_camera Deseño proxectado en Londres en apoio ao xornalista Julian Assange. (Foto: Victoria Jones / PA Wire / dpa)

A avogada de Julian Assange (xornalista e fundador de Wikileaks), Jennifer Robinson, alertou esta cuarta feira de que a vida do xornalista corre perigo se fracasa o último recurso de apelación presentado ante a Xustiza do Reino Unido para evitar a extradición aos EUA, onde está acusado de espionaxe e podería enfrontar unha pena de até 175 anos de prisión de ser declarado culpábel da publicación de documentos oficiais clasificados.

Robinson indicou que Assange "sofre un grave trastorno depresivo, foi diagnosticado cun trastorno do espectro autista e as probas médicas suxiren que se fose extraditado aos Estados Unidos se suicidaría", segundo información da televisión ABC.

"Como resultado dos 13 anos que leva en prisión, baixo arresto domiciliario ou sometido a outro tipo de restricións no interior da Embaixada do Ecuador no Reino Unido, o seu estado é bastante malo", sinalou.

A vista xudicial contra Assange, de 52 anos, será no próximo mes de febreiro. "Se fracasamos, se non sae adiante [a apelación], será o final do camiño de Assange no Reino Unido e será extraditado", concluíu. 

Comentarios