A ONU advirte que a guerra en Ucraína aumenta o risco de trata

A OTAN garante que Kíiv adherirase á alianza militar eventualmente, mentres as Nacións Unidas alertan do risco de tráfico de persoas que padecen as refuxiadas ucraínas.
Cascallos en Volnyansk. (Foto: Celestino Arce Lavin / ZUMA Press / DPA)
photo_camera Cascallos en Volnyansk. (Foto: Celestino Arce Lavin / ZUMA Press / DPA)

Jo-Anne Bishop, asesora de xénero da Organización das Nacións Unidas Mulleres, fixo fincapé a terza feira en que a guerra de Ucraína incide especialmente nas mulleres, en alto risco de acabar sendo vítimas de mafias que trafican para explotalas sexualmente.

A experta da ONU salientou que arredor de 80% das persoas refuxiadas que saen do país eslavo son mulleres, explicando que “durante o desprazamento masivo aumenta a velocidade de acceso dos traficantes de persoas a estas mulleres”, incidindo en que até 65% das vítimas de trata de persoas son mulleres novas e nenas.

Asemade, lembrou que organizacións civís ucraínas denunciaron un incremento do tráfico de seres humanos nas fronteiras do país, instando a profundar no financiamento de mecanismos para combater esta situación.

Os datos do organismo indican que a meirande parte das vítimas de trata detectadas en Europa antes da invasión rusa procedían de Romanía, Bulgaria, Moldova, a Federación de Rusia e Ucraína.

Con respecto ao conflito bélico, o secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Jens Stoltenberg, ratificou onte que Ucraína converterase nalgún intre en membro da alianza militar liderada polos Estados Unidos.

Arredor das demandas turcas de que Suecia e Finlandia entreguen supostos terroristas kurdos a Ancara para aprobar a súa entrada na OTAN, Stoltenberg defendeu que é cousa dos tribunais, pouco despois de que o lexislativo de Estocolmo endurecera a súa política anti terrorista.

Amais, o ministro de Exteriores ucraíno, Dimitro Kuleba, reclamou aos Estados membros da OTAN -que xa lle entregaron armas por valor de 30.000 millóns de euros-  que aumenten a súa produción para “pensar como pelexaremos as batallas do mañá”.

Pola súa banda, o viceministro de Asuntos Exteriores de Moscova, Sergey Ryabkov, debullou onte que a suspensión dunha xuntanza con Washington sobre un novo tratado de non proliferación de armas nucleares debeuse a que non consideran que os estadounidenses “recoñezan as prioridades” rusas.

Na Unión Europea, a Policía checa comunicou onte que procesaron máis de mil denuncias por xustificar a invasión rusa, o que considera un delito de odio. Nestes intres están pendentes de litixio 83 casos, a maioría por declaracións en redes sociais. Nese sentido, a semana pasada un cidadán checo foi condenado a seis anos de prisión por combater do lado da República Popular de Donetsk.

Comentarios