O Parlamento da Unión Europea declara Rusia como promotor do terrorismo

O lexislativo comunitario avala unha proposta orixinal da extrema dereita, de carácter simbólico, para designar Rusia como patrocinador do terrorismo. No caso de que a UE asuma formalmente a decisión, a Federación rusa sería o primeiro territorio incluído na relación de terroristas da UE.
Sesión no Parlamento da Unión Europea (Estrasburgo, Francia) a pasada terza feira. (Foto: Philipp von Ditfurth / dpa)
photo_camera Sesión no Parlamento da Unión Europea (Estrasburgo, Francia) a pasada terza feira. (Foto: Philipp von Ditfurth / dpa)

Por 494 votos a favor, 58 en contra e 44 abstencións, o Parlamento da Unión Europea (UE) aprobou esta cuarta feira unha resolución na que nomea Rusia como Estado promotor do terrorismo, que amais usa medios que a cámara considera “terroristas”.

A proposta de Andrius Kubilius (Unión da Patria–Demócratas Cristiáns de Lituania), integrado no Partido Popular Europeo, foi impulsada pola formación tras unha proposta orixinal do grupo dos Conservadores e Reformistas Europeos, de extrema dereita, e do que forman parte partidos como o español Vox. Verdes e socialdemócratas tamén a apoiaron.

A representante galega no Parlamento, Ana Miranda, do Bloque Nacionalista Galego, non votou a moción ao considerar que é un debate manipulado pola extrema dereita. Neses termos, apuntou, terían que estar incluídos países como Israel, Turquía ou Marrocos.

Esta decisión non ten implicacións prácticas. Porén, o texto insta a UE a desenvolver mecanismos para denunciar países que designe como terroristas, o que suporía que, nestes casos, foran aplicadas “numerosas medidas restritivas significativas”, provocando “profundas implicacións nas relacións do bloque comunitario con estes Estados”.

De feito, o documento reclama que Bruxelas conxele as relacións con Moscova. Kubilius fixo fincapé en que a UE debería contar cun mecanismo semellante ao dos Estados Unidos, cunha relación de países que si entraña sancións e medidas inmediatas. Neste momento, Washington mantén na listaxe de patrocinadores estatais do terrorismo Cuba, Irán, Siria e Corea do Norte.

A resolución aprobada no Parlamento da UE xa foi asumida polos lexislativos de Polonia, Lituania, Letonia, Estonia ou Chequia, tras ser demandada polo presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, que solicitou á todos os Estados membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) que sigan o mesmo camiño. En última instancia, son o resto de parlamentos estatais do bloque os que decidirán se asumen esta medida.

A proposta asevera que desde a invasión rusa a finais de febreiro o Exército de Moscova cometeu “masivas violacións dos dereitos humanos e crimes de guerra” para xustificar a moción.

Lista de terroristas da UE

Se finalmente o resto de órganos da Unión Europea decidisen secundar a proposta do Parlamento, o que si comportaría consecuencias prácticas, Rusia converteríase no primeiro Estado nesa lista. A nivel de grupos e entidades foron incluídas organizacións políticas como o Partido dos Traballadores do Kurdistán, a Fronte Popular de Liberación de Palestina, Hamás (Palestina) ou o Partido Comunista de Filipinas.

Ao tempo, o lexislativo solicita por medio da resolución unha intensificación das sancións a Rusia, abandonando de forma definitiva os gasodutos Nord Stream após a sabotaxe que sufriron en setembro, e aplicando un embargo total ás importacións de hidrocarburos e uranio. Este último punto, do mesmo xeito que a industria nuclear rusa, foron excluídos de todas as sancións, pois até unha quinta parte das centrais nucleares da UE dependen dun tipo de uranio que só comercializa a empresa estatal rusa Rosatom.

Pola súa parte, Zelenski reaccionou á votación parlamentar destacando que “Rusia debe estar illada a todos os niveis e responsabilizarse para pór fin á súa política de terrorismo de longa data”, mentres que o ministro de Exterior, Dimitro Kuleba, agradeceu á presidenta da cámara, Roberta Metsola, a súa “posición clara”.

No plano militar, as autoridades ucraínas informaron dunha vaga de ataques aéreos das Forzas Armadas rusas en distintas partes do país, incluída a capital, provocando cando menos tres falecidos e unha apagada eléctrica case total no país que tamén se estendeu á veciña Moldova. Asemade, denunciaron que edificios residenciais e centros sanitarios, incluída unha maternidade, foron alcanzados polos disparos, acabando coa vida dun bebé.

Tanto Moscova como Kíiv confirmaron que onte se realizou un intercambio de prisioneiros, que incluíu 70 persoas entre militares e civís.

Amais, Le Monde incidiu en que os arsenais dos Estados da OTAN están perto de alcanzar un nivel crítico, trasladando que a pesar do incremento dos pedidos ás empresas de armamento “repor as reservas non será doado”.

Comentarios