A OTAN reclama un incremento do gasto militar máis alá do 2% do PIB acordado

A OIEA inspecciona a central nuclear de Zaporijia tras os ataques de Kíiv durante a fin de semana, mentres, a OTAN impulsa un aumento do gasto militar sinalando que o 2% do PIB que fora pactado ten que ser "a base" e non o "obxectivo".
O secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte, Jens Stoltenberg, interviu onte en Madrid (Estado español). (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera O secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte, Jens Stoltenberg, interviu onte en Madrid (Estado español). (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O acordo asinado polos Estados membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) en 2014 para elevar a 2% do produto interior bruto (PIB) o gasto militar, reafirmado na cimeira que decorreu en xuño no Estado español, non é suficiente, ratificou esta segunda feira o secretario xeral da alianza militar, Jens Stoltenberg, no feche da Asemblea Parlamentaria da OTAN en Madrid.

“Agardo que haxa un compromiso aínda maior de gasto en Defensa para investir máis”, sostivo, incidindo na necesidade de “aumentar o nivel de ambición” e apuntando que “quizais” se manteña a cifra de 2% do PIB “como unha base máis que como un obxectivo”.

Ao tempo, fixo un chamamento a manter o envío de armamento a Ucraína, subliñando que “temos que estar preparados para apoiar Kíiv por moito tempo e a pagar o prezo”. Tamén argüíu que a asistencia militar a este país é a vía para conseguir “unha solución pacífica e democrática”. Desde a invasión rusa Ucraína recibiu máis de 30.000 millóns de euros en armas.

Stoltenberg debullou o aumento da presenza militar da alianza liderada polos Estados Unidos nas fronteiras de Rusia, e recoñeceu que a “OTAN  non ten capacidade ilimitada”, posto que depende das achegas dos territorios membros.

En última instancia, solicitoulles precaución “e non crear novas dependencias, sobre todo da China”, cualificada como o principal “desafío” pola alianza militar.

A poucos metros dun desastre nuclear

Un equipo de expertos do Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) estivo esta segunda feira na central nuclear de Zaporijia, controlada por Rusia desde comezos de marzo, tras os ataques do Exército ucraíno contra a planta o sábado e o domingo. Neste último día, Moscova sinalou que recibiu cando menos 15 impactos de artillería, algúns deles perto dos reactores nucleares.

O director da OIEA, Mariano Grossi, precisou que o desastre nuclear evitouse por poucos metros, e indicou que “tivemos sorte de que non acontecera un incidente nuclear potencialmente grave, a próxima vez pode que non teñamos tanta sorte”.

Sen precisar a autoría dos ataques, Grossi asegurou que se están a asumir “enormes riscos, apostando coa vida de moitas persoas”. Pola súa parte, o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, pediu a “todos os países do mundo que usen a súa influencia para que as Forzas Armadas ucraínas deixen de facer isto”.

Soldados rusos executados

No que atinxe á denuncia rusa de que até 11 militares presos e desarmados foron executados por tropas ucraínas, The New York Times verificou a autenticidade dos vídeos feitos públicos nos que se observan os asasinatos.

As mortes, que están sendo investigadas pola Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, producíronse en Makivka, na rexión de Lugansk, informan medios rusos.

A resposta de Kíiv chegou da man da comisión de Dereitos Humanos do lexislativo ucraíno, que defendeu que os feitos non constitúen un crime de guerra por mor de que os soldados rusos supostamente “fixeron que se rendían”.

Reporteiros Sen Fronteiras pide liberar a Pablo González

A entidade Reporteiros Sen Fronteiras vén de remitir un escrito ao ministro de Xustiza e fiscal xeral de Polonia, Zbigniew Ziobro, para demandar que non reclame unha nova prórroga da detención do xornalista vasco Pablo González, preso sen xuízo desde o 28 de febreiro no país membro da Unión Europea. No caso de decretarse unha nova extensión da súa estancia en prisión faría un ano detido sen que o caso fose procesado.

Neste tempo, as autoridades polacas “negáronse a informar sobre os elementos que sustentan as acusacións de espionaxe” e impulsaron “unha medida preventiva inusualmente dura”, explica a organización. Tampouco se lle permite falar por teléfono coas súas crianzas ou recibir unha atención médica axeitada. González xa fora expulsado de Ucraína por reportar desde o Donbás.

Comentarios